Terá un carácter preventivo, atenderá á perspectiva de xénero e buscará a implicación de todas as administracións e do tecido social
A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta tarde que nos primeiros meses de 2019 se aprobará o Plan de atención ás persoas sen fogar 2019-2023, que contará con recursos orzamentarios e medidas concretas. Fíxoo en compañía da responsable da delegación autonómica de Cruz Vermella, Carmen Colmeiro, durante a presentación dun estudo sobre a situación destas persoas en Galicia, que supón unha exhaustiva radiografía desta problemática. Para elaboralo fixéronse 204 enquisas a persoas sen fogar e ademais tívose en conta a base de datos da Cruz Vermella.
A conselleira explicou que este traballo de campo é fundamental para fixar os eixes de intervención específicos que recollerá o futuro plan. Este documento terá un enfoque preventivo, atenderá á perspectiva de xénero e buscará a implicación de todas as administracións e das entidades sociais, co obxectivo de ofrecer unha resposta coordinada e máis eficaz. Así mesmo, apuntou que entre as medidas principais que abordará o plan está o acceso á vivenda, cuestión que tanto as persoas enquisadas para o estudo como os profesionais que traballan neste ámbito consideran prioritaria. Por exemplo, impulsaranse medidas como o Housing First, que garante un fogar como punto de partida da inclusión.
Garantir o acceso á vivendaFabiola García enmarcou este futuro plan no traballo que está a levar a cabo o Goberno galego para garantir o acceso á vivenda a todas as persoas, en especial a aquelas que están en risco de exclusión. Así, referiuse á rede de oficinas do programa Reconduce para evitar desafiuzamentos e puxo en valor o feito de que cada cinco días a Xunta adxudica unha vivenda a unha familia en situación de emerxencia. Tamén subliñou que ao redor de 1500 persoas xa se beneficiaron de iniciativas como o programa de realoxo, os bonos de alugueiro social ou as vivendas cedidas gratuitamente polas entidades financeiras e a Sareb.
Outros aspectos que abordará o Plan de atención ás persoas sen fogar 2019-2023 son a atención sanitaria, a superación das barreiras que poden atopar no ámbito da administración e no lingüístico, e o acceso ao mercado laboral. Ao respecto, a conselleira destacou que a Risga é unha das ferramentas máis importante e que mellor evidencian o compromiso da Xunta a prol da igualdade de oportunidades e a inclusión.
De feito, apuntou que Galicia é a sexta comunidade autónoma cun importe máis alto para o tramo superior desta renda social e que se está a traballar na súa mellora a través dun novo decreto que reforzará o seu potencial para acompañar a inclusión social e laboral efectiva.
Novo decreto da RisgaEste novo texto legal, que se aprobará nas vindeiras semanas, habilitará dous novos tramos, o de inserción e o de transición de emprego; creará un complemento de 188 euros para as persoas que accedan ao tramo de inserción e permitirá o cobro de máis dunha Risga por domicilio en determinadas circunstancias. Tamén se poderá compatibilizar a percepción dunha parte da renda cun salario, mentres sexa necesario.
Fabiola García remarcou o compromiso da Xunta de cara a prestar atención aos que máis o necesitan, para o que “se dispón de máis fondos que nunca para traballar, xunto ás entidades sociais, por unha Galicia que non deixe a ninguén atrás”. Este feito plásmase nun investimento de 119 millóns de euros en políticas de inclusión nos Orzamentos de 2019, un 70% máis que hai nove anos.
- Te recomendamos -