Contempla programas de formación, de intervención coas vítimas e a entrada en funcionamento dun recurso especializado de atención
A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe, durante a presentación dunha campaña contra a violencia sexual exercida contra os nenos e nenas, que a nova Estratexia Galega da Infancia e Adolescencia (EGIA) incluirá medidas concretas neste ámbito. E engadiu que a previsión é que o Executivo autonómico aprobe nas vindeiras semanas este plan integral, cuxa vixencia se estenderá ata 2020.
Neste sentido, Fabiola García avanzou que a Estratexia contempla, entre outras accións, a posta en marcha dun programa de formación para a prevención e detección de casos de abusos na infancia, o desenvolvemento dun programa de intervención específico cos menores e a entrada en funcionamento dun recurso especializado na atención a menores vítimas de trata con fins de explotación sexual. “É un paso adiante máis no obxectivo de conseguir que Galicia sexa unha terra na que todos poidan desfrutar dunha infancia doce e unha adolescencia plena e feliz, porque teñen dereito a ela”, apuntou.
A conselleira sinalou que informar, previr e actuar son os piares fundamentais fronte a violencia sexual. Ao respecto, avogou por avanzar na sensibilización e divulgación de información e pautas de comportamento ante estes casos, e neste contexto enmarcou a campaña Infancia doce que hoxe deu a coñecer na escola infantil Paradai. Unha nova iniciativa coa que a Xunta quere “renovar o compromiso de toda a sociedade galega por un 2019 sen abusos”, manifestou.
Trátase dunha campaña orientada aos centros educativos, pais e titores na que se pon o aceno na importancia da prevención e de non quedar calados ante estes casos. Emprégase a imaxe dun boleto da lotería de Nadal co número 121212 para transmitir a idea de que ao igual que buscamos compartir a sorte tamén debemos compartir información para evitar silenciar ou que se perpetúen casos de abusos en menores. Neste caso, o 121212 sería o número da boa sorte para acabar con estas situacións.
Esta nova acción da Xunta súmase a outra serie de actividades que se están a levar a cabo neste ámbito. De feito, o Goberno galego foi o primeiro en adherirse á campaña do preventiva Consello Europeo Un de cada cinco, desenvolveu as iniciativas 37milsorriSOS e #acendamolaluz en redes sociais e medios dixitais e ten en marcha programas terapéuticos para menores vítimas e de asesoramento e acompañamento ás familias.
CompromisoTamén se organizou o pasado mes de abril o foro Vacínate coa participación de más de 200 profesionais e expertos nesta materia e levou a cabo accións dirixidas aos nenos e nenas en idade escolar como a obra de teatro Pum, Pum ou o conto O ladrón de sorrisos. E, por último, a medida máis recente é o convenio asinado con Aminogal e as tres universidades galegas para a realización dunha campaña de formación para o profesorado, o alumnado e as familias, que ten por obxecto darlles pautas que lles sirvan para facer fronte a estas situacións.
A nova campaña lanzada hoxe chegará aos centros de ensino de toda Galicia, aos servizos sociais dos concellos, a asociacións e colectivos que traballan con menores e a profesionais dos campos da psicoloxía, da xustiza e da pedagoxía, entre outros.
- Te recomendamos -