A música, na súa vertente de difusión cultural, centra a primeira xuntanza, á que seguirán os días 5 e 6 de xullo as reunións dedicadas a artes escénicas e á industria musical, nas que se definirán as liñas de actuación e os obxectivos a fixar
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia hoxe as reunións dos grupos de traballo para a elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021 (ECG21), coa xuntanza, esta tarde na Cidade da Cultura de Galicia, centrada na música, e concretamente na súa vertente de difusión cultural. Nela participarán o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o director xeral da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e unha vintena de axentes e representantes de entidades deste ámbito, como a Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Asociación de Gaiteiros Galegos, os Amigos da Ópera de Santiago e de Vigo, a Coral de Ruada, Cantigas e Agarimos, o Real Coro Toxos e Froles, a Federación Galega de Bandas de Música Populares, a Asociación de Profesionais da Xestión Cultural e a Federación de Corais de Galicia, xunto cos músicos Uxía Senlle, Maximino Zumalave, Alejo Amoedo, Ramón Souto e os profesores Carlos Villanueva e Javier Ares.
Nove grupos de traballoOs grupos de traballo da ECG21 organízanse arredor do libro, do audiovisual, das artes escénicas, da música (nas vertentes de difusión da cultura e da industria musical), das artes plásticas e visuais, do patrimonio cultural, das institucións da memoria e da Cidade da Cultura de Galicia. Nestas primeiras xuntanzas que se van realizar no mes de xullo –que se desenvolverán desde hoxe e ata o día 19– o obxectivo dos grupos é realizar un labor conxunto de diálogo e análise para propoñer as liñas estratéxicas e os obxectivos que van definir a ECG21. Tras a sesión de debate, ademais de recoller as observacións formuladas, abrirase un prazo para o envío de propostas por correo electrónico. A continuación, realizarase unha nova xuntanza, que vai ter lugar despois de agosto, para propoñer as medidas concretas coas que avanzar na consecución dos obxectivos establecidos.
Logo da reunión de hoxe, as próximas xuntanzas dos grupos de traballo terán lugar mañá xoves, día 5, e o venres 6 de xullo, e nelas abordaranse as liñas estratéxicas e os obxectivos das artes escénicas e da industria musical.
Plataforma en liña para a participación cidadáParalelamente ás reunións dos grupos de traballo, e co fin de favorecer a participación no proceso de elaboración da ECG 2021, o Goberno galego habilita desde hoxe unha plataforma en liña para que as persoas interesadas poidan realizar as súas achegas, a través da web www.cultura.gal.
Ademais, para planificar e definir a acción política cultural con garantías, a Consellería de Cultura e Educación promoveu a realización dun estudo sobre a situación da cultura galega actual, que foi elaborado polo Consello da Cultura Galega e que constitúe o punto de partida do proceso de elaboración da ECG.
Fase de exposición públicaUnha vez redactado o documento de traballo da ECG21, poñerase en marcha unha fase de exposición pública da proposta a través das canles en liña da Xunta de Galicia, co fin de recibir comentarios, suxestións e alegacións da cidadanía que poidan contribuír a mellorar o documento. A continuación, procederase á elaboración do documento final para levar o informe ao Consello da Xunta de Galicia. Finalmente, a ECG21 seralle remitida ao Parlamento de Galicia.
A folla de ruta da política cultural galegaA Estratexia da Cultura Galega 2021 xorde da necesidade de dispoñer dun documento público no que, tras un coñecemento da situación de partida, se recollan as principais liñas de actuación e as prioridades nas políticas culturais de Galicia e no investimento cultural público. Trátase dun documento que se elabore tras unha reflexión común e compartida entre todos os axentes e sectores implicados no ecosistema da cultura galega, co obxectivo de contribuír a fortalecela, a conservala e a difundila, ao tempo que se favorece a consolidación dun tecido socio-empresarial sólido e dinámico.
Os eixes que deben artellar a ECG21 centraranse en garantir a máxima difusión da actividade cultural en todo o territorio de Galicia e entre toda a cidadanía, ademais de asentar un tecido social e empresarial neste ámbito. A elaboración do documento enmárcase e dialoga co Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, ademais de ter en conta as directrices definidas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020, que aposta por un novo modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseado na innovación.
- Te recomendamos -