Inicio Galicia Expertos de todo o mundo participan desde hoxe no XI Curso Leccións...

Expertos de todo o mundo participan desde hoxe no XI Curso Leccións Xacobeas Internacionais co apoio de Turismo de Galicia

0


Expertos de diferentes partes do mundo participan desde hoxe en Santiago de Compostela na XI edición do curso de verán Leccións Xacobeas Internacionais na Universidade de Santiago que este ano se celebra baixo o lema ‘O Camiño de Santiago no Ano do Patrimonio Cultural Europeo’. Trátase dunha iniciativa formativa que conta co apoio de Turismo de Galicia e que, ano a ano, se converte nun destacado punto de encontro e de reflexión ao redor do fenómeno xacobeo. O curso, que se desenvolverá no Museo das Peregrinacións ata o venres, foi inaugurado esta mañá nun acto que contou coa presenza do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez e dos directores do curso, os profesores Miguel Taín Guzmán e Domingo González Lopo.

Esta edición conta coa participación de destacados investigadores como o director do Instituto Europeo dos Itinerarios Culturais, Stefano Dominioni, entre outros, e tamén conta coa presenza de asistentes chegados de diferentes puntos de España e de países como Francia, Brasil, Italia, Alemaña ou Portugal. Xunto aos relatorios nos que se presentarán os resultados das últimas investigacións sobre o fenómeno xacobeo, o Camiño de Santiago e o seu patrimonio cultural, tamén está previsto un programa de visitas que inclúe a realización dalgún dos tramos do Camiño do Norte, un dos itinerarios Patrimonio Mundial. O apoio de Turismo de Galicia a iniciativas formativas como esta enmárcase no compromiso da Xunta por fomentar a investigación xacobea. De feito, esa é unha das liñas estratéxicas do Plan director do camiño de Santiago, a folla de ruta da Xunta para levar a cabo no Camiño de Santiago melloras en eidos como a recuperación e construción de infraestruturas, a sinalización, o mantemento, a accesibilidade ou a investigación xacobea.


- Te recomendamos -