Vázquez Mourelle explica que o bo avance das obras permitiu acurtar prazos, adiantando a este verán a finalización, prevista inicialmente para novembro
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, e o alcalde de Redondela, Javier Bas, salientou hoxe que os veciños de Chapela, tras as obras de humanización realizadas na Avenida de Vigo, cun investimento de 2,3 millóns de euros, xa dispoñen dunha vía máis accesible e segura.
Vázquez Mourelle explicou que o bo avance das obras permitiu acurtar prazos, adiantando ao verán de 2018 a súa finalización, prevista inicialmente para o mes de novembro. Puntualizou que se axilizou ao máximo a actuación para que puidera estar a punto no período estival, pois contribuirá a dinamizar a actividade e o comercio da zona.
O proxecto consistiu na reurbanización da rúa nun treito de 1 km, coincidindo coa zona do mercado municipal e da alameda, para favorecer e facer máis compatible o tránsito peonil e rodado neste treito.
Para acadar este obxectivo, mellorouse a intersección que leva á factoría de Pescanova para facilitar a saída e entrada dos camións ás industrias en condicións máis seguras; e ampliáronse e renováronse as beirarrúas para favorecer os desprazamentos de veciños e visitantes nunha zona que alberga gran número de establecementos comerciais.
Tamén se aproveitou a actuación para renovar a totalidade dos servizos urbanos como abastecemento, saneamento, canalizacións de luz e teléfono, atendendo á solicitude do Concello e ao seu compromiso de financiar parte destes traballos.
A conselleira subliñou que a Xunta continúa coa nosa aposta por reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos de veciños e turistas que se achegan a Redondela con outras actuacións. Así, lembrou que nestes momentos nesta mesma estrada tamén se están a instalar semáforos.
Avanzou que nas próximas semanas comezarán as obras de construción dunha nova pasarela metálica adosada á ponte de San Xulián, pola marxe dereita da estrada autonómica que vai a Ponte Caldelas, a PO-250, o que permitirá completar un itinerario peonil continuo no tramo urbano da vía. Prevese o remate dos traballos para o outono grazas a un investimento de arredor de 164.000 euros.
Fixo fincapé en que esta actuación e o acondicionamento do contorno do Peto das Ánimas existente, coa colocación de pavimentación en lousa de granito, ao tempo que facilitan os desprazamentos a pé, facendo esta zona máis transitable, tamén contribúen á posta en valor dun elemento patrimonial de grande interese.
A conselleira anunciou tamén a humanización da avenida Mendiño de Redondela, coa redacción do proxecto construtivo xa en contratación. A finalidade desta actuación, como no caso da avenida de Vigo, será ordear o tráfico, o tránsito peonil e os aparcadoiros para facer a rúa máis accesible e máis segura.
- Te recomendamos -