Vázquez Mourelle indica que o 40 % dos desprazamentos correspóndense coas navieiras e o restante 60 % co autobús
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves, salientou que o Plan de Transporte Metropolitano de Vigo rexistrou en 2017 case 2,9 millóns de viaxes realizadas nesta área, o que supón un incremento do 7 % respecto ao exercicio anterior.
Vázquez Mourelle subliñou que o plan leva bonificados máis de 8 millóns de viaxes nesta área dende a súa posta en marcha. Precisou que o seu éxito é incuestionable, xa que no 2018 chegou a unha media mensual de 240.000 viaxes, tendo rexistrado picos de 310.000 en meses como agosto.
No que se refire ao modo de transporte, destacou que o 40 % dos desprazamentos correspóndese con navieiras e o restante 60 % co autobús.
A titular de Infraestruturas indicou que esta boa acollida do plan na área tamén se amosa na distribución de tarxetas, preto de 52.000 dende a entrada en servizo do programa, das que o maior número, 16.000, foron tramitadas en Vigo, seguido de Cangas, Moaña e Redondela.
Tarxeta Xente NovaNo que se refire á tarxeta Xente Nova, os mozos menores de 19 anos empadroados en Vigo son os que máis a teñen demandado, xa que preto de 4.400 dispoñen deste dispositivo co que viaxan de balde no transporte interurbano, supoñendo o 10 % do total de Galicia.
O Goberno galego, co obxectivo de axudar á economía das familias, puxo en marcha en agosto de 2016 esta tarxeta que significa a implantación dunha nova tarifa que é de cero euros para as viaxes de carácter interurbano realizadas dentro das cinco áreas de transporte metropolitano establecidas. Con este dispositivo, os mozos galegos poden efectuar gratis ata un máximo de 60 viaxes ao mes, tendo tamén de balde os transbordos do interurbano ao urbano.
Ethel Vázquez concretou que este sistema funciona así en todas as áreas, agás en Vigo, xa que o bus urbano non está integrado. Así, puxo como exemplo a un mozo de Vigo, que coa tarxeta Xente Nova, pode ir gratis desde Vigo ata Nigrán, ida e volta, pero se precisa un bus urbano para ir ou chegar ata a súa casa, estas viaxes ten que pagalas. Non obstante, este mesmo rapaz, co citado dispositivo, se vai de Brión á estación de autobuses de Santiago e desde alí colle un urbano ata a Cidade da Cultura, todas as viaxes son gratis, pois están bonificadas pola Xunta e polos ditos concellos.
A responsable de Infraestruturas puxo en valor esta iniciativa que no conxunto de Galicia permitiu 2,6 millóns de viaxes gratis, para o que a Xunta paga 2,5 millóns de euros. Engadiu que estes datos reflicten que este plan social, educativo e de concienciación, esperta interese na mocidade e nas familias.
Plan de Transporte MetropolitanoCómpre lembrar que o Plan de Transporte Metropolitano botaba a andar o 27 de abril de 2015 na área de Vigo, cos 12 concellos que nese momento subscribiron o convenio coa Xunta.
Inicialmente prevíanse 14 concellos pero, os de Vigo e Gondomar non se adheriron a este convenio por vontade propia. Neste sentido, a conselleira sinalou que o actual alcalde de Gondomar votou dúas veces en contra da incorporación ao plan en pleno municipal. Non obstante, garantiu que se abordará a súa integración cos mesmos criterios cos que a dos 25 municipios que a teñen solicitada, entre eles varios do sur de Galicia, como Ponteareas. A Xunta está a achegar preto de 2 M € anuais a este plan, financiando o 80% dos descontos, ao que hai que sumar o investimento preciso para financiar a Tarxeta Xente Nova, que fai gratuítas as viaxes aos menores de 19 anos. Pola súa parte, os 12 concellos que conforman a área completan o financiamento, o 20% restante, cunha partida que rolda os 400.000 € anuais.
O uso da Tarxeta permite descontos medios do 50% nas viaxes metropolitanas; bonificacións adicionais do 15% para usuarios frecuentes, aqueles que realicen máis de 40 viaxes nun mes; e descontos extra de ata o 50% para familias numerosas.
Aposta polo transporteEthel Vázquez fixo fincapé na aposta da Xunta polo fomento do transporte público, que na área de Vigo tamén se ve reflectida noutras actuacións que se están a impulsar como a conexión do tren e o autobús a través da construción da terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, cun investimento duns 14 millóns de euros.
A Xunta avanzou onte un novo paso, coa visto e prace definitivo ao convenio co Concello de Vigo e co Ministerio de Fomento para o financiamento dos accesos, unha mostra máis do interese e do compromiso do Goberno galego con proxectos estratéxicos para Vigo co fin de facer cidade.
- Te recomendamos -