Inicio Galicia Ethel Vázquez salienta que as axudas á formación dos transportistas, nas que...

Ethel Vázquez salienta que as axudas á formación dos transportistas, nas que a xunta leva investido 4,3 millóns de euros dende 2009, beneficiaron a máis de 20.000 profesionais

0

Vázquez Mourelle lembra que a partir do 2 de xaneiro asociacións como a de Apetamcor poderán solicitar subvencións para realizar actividades formativas


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe na inauguración da nova sede da Asociación empresarial de mercadorías por estrada de Galicia (Apetamcor) en Santiago, onde subliñou que a Xunta investiu dende 2009 case 4,3 millóns de euros en axudas á formación que beneficiaron a 20.000 transportistas.

Vázquez Mourelle lembrou que esta mesma semana o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria de axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada, cun orzamento de 400.000 euros. A partir do 2 de xaneiro, durante un mes, asociacións como Apetamcor poderán solicitar estas subvencións.

Indicou que estas subvencións teñen como fins mellorar as capacidades dos profesionais, en materias tan importantes como a manipulación de mercadorías perigosas, a seguridade viaria ou a eficacia na xestión empresarial. Precisou que tamén se subvencionan os cursos para a obtención do CAP, o certificado de aptitude profesional, que é imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional.

Na liña de continuar coa aposta por este sector estratéxico, a conselleira destacou a importancia das infraestruturas viarias para facilitar a mobilidade dos transportistas. Así, concretou que moitas das autovías de titularidade autonómica, como as do Salnés, do Barbanza, de Celanova, da Costa da Morte ou da AG-53, son libres de peaxe grazas á achega duns 88 millóns de euros ao ano por parte da Xunta. Trátase de peaxes en sombra, polo que o Goberno galego subvenciona estas peaxes.

Tamén recordou que o seu departamento está a estudar a implantación de tarifas nocturnas con bonificacións nas autoestradas autonómicas, medidas que poderían ser beneficiosas e competitivas para os transportistas, ao aforrar tempo e custos.

Sinalou ademais que o Goberno galego non é alleo ao impacto que ten o incremento das peaxes no conxunto do tecido económico e social de Galicia. Neste sentido, en relación á AP-9, a Xunta solicitoulle ao Ministerio de Fomento que analice as posibilidades de suavizar as subas de peaxe previstas, a través de fórmulas de flexibilización e un abaratamento dos desprazamentos para os usuarios recorrentes e en horas de menos tráfico.

Subliñou a importancia do transporte de mercadorías por estrada, que constitúe unha das pezas fundamentais para o funcionamento dos demais de motores económicos. Neste sentido, incidiu en que as instalacións que hoxe Apetamcor pon en marcha serán un novo impulso ao desenvolvemento social e económico de toda Galicia.

Fixo fincapé en que o Executivo autonómico coñece as necesidades do sector, polo que quere seguir traballando da súa man para avanzar na consecución dos obxectivos marcados.  


- Te recomendamos -