Inicio Galicia Ethel Vázquez salienta que a Xunta leva concedidos 530 bonos de alugueiro...

Ethel Vázquez salienta que a Xunta leva concedidos 530 bonos de alugueiro social, na súa aposta por facilitar o acceso á vivenda ás familias con dificultades

0

A Xunta tamén ten en marcha o Programa de Vivendas Baleiras para mobilizar as vivendas que están desocupadas e poñelas á disposición das familias que o necesitan cun prezo de alugueiro baixo


A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde salientou que ata o momento un total de 530 familias se beneficiaron do bono de alugueiro social, con axudas por importe de máis de 2 millóns de euros. Unha medida social destinada a facilitar o acceso a un fogar en réxime de aluguer ás familias con dificultades.

Indicou que a Xunta continúa a traballar intensamente no impulso de políticas públicas para facilitar o acceso á vivenda, como as que están a permitir que 3.500 familias se beneficien de inmobles en alugueiro con prezo reducido, que supón ser adxudicatario dunha vivenda de promoción pública. Ademais, está a incrementar o parque público de forma constante, coa construción de novas vivendas e a rehabilitación doutras en conxuntos históricos que se destinan tamén ao alugueiro, con mensualidades que supoñen menos do 50% do prezo medio.

Ethel Vázquez engadiu a posta a disposición das vivendas propiedade das entidades financeiras ou do Programa de Vivendas Baleiras, para mobilizar as vivendas que están desocupadas e ofrecerllas ás familias que o necesitan cun prezo de alugueiro baixo. Neste sentido, en relación a este último plan, lamentou que aqueles concellos que rexistran maior problema de acceso á vivenda, como A Coruña e Vigo, decidiron non incorporarse, e outros, como o de Santiago, aínda que se sumou ao programa nunca o levou á práctica.

Tamén sinalou que resultan incomprensibles as trabas que está a poñer o Concello de Vigo para o desenvolvemento de San Paio de Navia, que contempla 1.600 vivendas protexidas; ou que o Concello da Coruña incumpra os compromisos co Ofimático, con 1.100 vivendas sociais, públicas e protexidas proxectadas; ou que o de Santiago, que dispón de solo urbanizado da súa propiedade non consiga que promotores ou cooperativas constrúan novas vivendas.

Referiuse tamén, ao Plan estatal de vivenda, que contempla subvencións ao alugueiro para familias con menores ingresos e tamén para os mozos.

No relativo aos prezos de alugueiro, Vázquez Mourelle subliñou que os datos do Observatorio da Vivenda e Solo do Ministerio de Fomento recollen que no terceiro trimestre de 2017 os prezos medios da vivenda en alugueiro eran inferiores aos que se rexistraban dez anos antes.

Precisou que, os datos de contratos reais dispoñibles, das fianzas de alugueiro depositadas no Instituto Galego de Vivenda e Solo, reflicten que nas grandes cidades o que se pagou en 2017 de media por un alugueiro é inferior a de anos anteriores, por regra xeral.

Sinalou que a Xunta está traballando, no marco do Observatorio da Vivenda de Galicia, para publicar eses datos estatísticos sobre a evolución do prezo do alugueiro de vivenda na comunidade nos últimos anos, que ofrecerán unha estatística máis fiable. 


- Te recomendamos -