Vázquez Mourelle destaca que tamén se incrementou un 37% o número de quilómetros percorridos; se triplicou o número de paradas, que superan as 11.000; e se rebaixaron as tarifas, con casos de ata o 80 % de abaratamento
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que as novas modalidades de transporte compartido permitiron que 75.000 persoas utilizasen as prazas baleiras dos autobuses escolares nos seus desprazamentos, e sen que se rexistrase nin unha soa incidencia destacable.
Vázquez Mourelle subliñou que estas novas modalidades de transporte, compartido e a demanda, teñen suposto grandes beneficios para os veciños do rural, E sinalou que máis de medio millar de persoas fixeron uso da reserva, a metade usuarios da provincia de Ourense.
Concretou que o Plan de transporte público de Galicia, nos sete meses de funcionamento rexistrou un incremento de case o 5,2 % no número de viaxeiros do transporte público de uso xeral, beneficiando a máis de 3,2 millóns de persoas.
Fixo fincapé en que grazas ao plan, que botaba a andar no pasado mes de agosto, Galicia non quedou nin un só día sen transporte, garantindo plenamente os servizos. Concretou que dende a súa posta en marcha se incrementou un 37% o número de quilómetros percorridos, pasando de 11 a 15 millóns de quilómetros de servizo anuais; se triplicou o número de paradas, que superan as 11.000; e se rebaixaron as tarifas, con casos de ata o 80 % de abaratamento.
Indicou que unha vez posta en marcha a 1ª fase do Plan, e iniciado o camiño de modernización do transporte público por estrada en 800 liñas, cómpre avanzar no deseño da 2ª fase, que abordará o resto de liñas e beneficiará ao total de Galicia en 2019, data de caducidade das actuais concesións. Así, adiantou que o vindeiro luns sairá a información pública o documento base do Plan, abrindo o primeiro dos dous procesos de participación pública, no que calquera administración, colectivo ou particular poderán facer achegas.
Convidou á máxima participación na elaboración da 2ª fase deste plan que permitirá garantir os 5.000 empregos do sector e poñer á disposición dos veciños, servizos de transporte máis modernos e mellor adaptados ás súas necesidades reais, pensando fundamentalmente na mellora da mobilidade no rural de Galicia.
O Goberno galego licitou en febreiro os estudos para a 2ª fase do Plan de Transporte, cun investimento de 2,7 millóns de euros, dividindo Galicia en 5 zonas nas que se estudará con rigoroso detalle as necesidades actuais e futuras da poboación, aproveitando tamén a experiencia da 1ª fase. A estas 5 áreas engadirase unha sexta, que programará as liñas de percorrido interzonal de longo percorrido.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa comezou as xuntanzas cos concellos e cos axentes implicados e está a aproveitar as reunións das comisións de seguimento do transporte metropolitano das distintas áreas para abordar conxuntamente cos municipios as melloras do transporte de cara a 2019.
A Xunta analizará con detalle os servizos que se prestan na actualidade, apostando polo transporte compartido e polo transporte a demanda, naquelas zonas que se considere útil e o seu uso estea xustificado.
No marco desta participación, realizaranse enquisas nos principais centros de demanda para coordinar os horarios de autobuses cos dos servizos que prestan neles: nos centros sanitarios, para identificar os días e as horas de analíticas ou consultas; nos educativos, para valorar a mobilidade dos estudantes de infantil, primaria e secundaria; nas paradas e estacións de autobuses, para coñecer a opinión dos usuarios; nos centros administrativos ou nos polígonos industriais.
- Te recomendamos -