Sinala que o Ministerio de Fomento ten tomado nota das demandas do Goberno galego e dos propios cidadáns
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe o traballo constante que a Xunta a prol dun servizo de calidade na AP-9.
En resposta a unha pregunta parlamentaria, a conselleira de Infraestruturas destacou como desde a Xunta se ten manifestado publicamente e en reiteradas ocasións ante o Ministerio de Fomento, que as obras que está a executar na Ponte de Rande deben concluír o antes posible, para evitar as afeccións ao tráfico e as molestias aos condutores.
Concretou que o Ministerio de Fomento ten tomado nota das demandas da Xunta e dos propios cidadáns e que, segundo ten trasladado á Xunta, e comprometido publicamente, os traballos na ponte de Rande que implican maiores afeccións ao tráfico estarán ultimados neste mes de maio, o día 31.
A titular de Infraestruturas lembrou que as obras que se están executando na ponte de Rande estaban anunciadas polo propio ministerio antes da posta en servizo dos novos ramais. Intervencións que, segundo explicou, para poder realizarse necesitaban que antes estivesen en servizo os novos carrís laterais da ponte.
Neste senso, a conselleira incidiu, que as obras tiñan que realizarse coa ampliación xa aberta ao tráfico, garantindo sempre dous carrís de circulación por sentido, dado que o contrario produciría o colapso total da ponte, que atravesan cada día máis de 56.000 vehículos.
Todas estas actuacións de Fomento, subliñou, son clave para asegurar a estrutura da ponte ao longo da súa vida útil e co remate destes traballos, tamén finalizarán as maiores inxerencias ao tráfico. Despois do 31 de maio, segundo ten trasladado Fomento, continuaranse cos traballos, neste caso para a rehabilitación do antigo taboleiro metálico, pero xa se esperan mínimas afeccións ao tráfico.
Vázquez Mourelle tamén fixo referencia ao traballo permanente e a continua preocupación e insistencia da Xunta en todo o relativo á AP-9, e destacou que a iniciativa da Xunta motivou unha modificación no proxecto de ampliación para optimizar a coordinación coa Autovía do Morrazo e mellorar a mobilidade dos condutores desa comarcaSinalou que a Xunta puxo en coñecemento do propio ministerio a entrada en servizo dos 2 primeiros treitos da Autovía do Morrazo, o pasado 11 de maio, advertindo do incremento de tráfico que isto suporía na ponte de Rande. O Ministerio actuou cun dispositivo especial na ponte do día das Letras Galegas, e comprometeuse a adoptar medidas adicionais os días de maior tráfico, os luns e venres, para reducir as molestias aos usuarios. Ademais, Fomento comprometeuse a intensificar as inspeccións ata que rematen os traballos con afeccións ao tráfico e a adoptar as medidas oportunas ante situacións excepcionais, entre elas, a posibilidade de levantar barreiras, se así se estima necesario.
A Xunta agarda que dean os resultados esperados os compromisos adquiridos e esixidos á concesionaria da autoestrada polo Ministerio, que tamén anunciado a intensificación dos traballos, 24 horas ao día e en fins de semana.
Salientou que a Xunta conseguiu que as futuras obras non se repercutan nas peaxes e suprimir o compromiso de pagar un total de 400 millóns de euros de todos os galegos para subvencionar unha peaxe estatalConcluíu aseverando que o Goberno mantén a súas demandas de defensa da prestación do mellor servizo aos cidadáns.
- Te recomendamos -