Vázquez Mourelle, xunto co alcalde, Jesús Vázquez e a delegada da Xunta, Marisol Díaz, anuncia que no verán de 2019 estarán rematadas 3 novas vivendas de promoción pública na rúa Vilar, cunha achega da Xunta de preto de 580.000 euros
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe o impulso que está a dar a Xunta á revitalización do conxunto histórico de Ourense, que está a permitir recuperar para a cidade, 14 edificios, con 30 vivendas, a través dun investimento de preto de 5 millóns de euros.
Vázquez Mourelle, xunto co alcalde, Jesús Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, quixo supervisar hoxe sobre o terreo, o inicio das obras de rehabilitación en 2 edificios da cidade de Ourense, nos números 3 e 5 da rúa Vilar.
Explicou que a rehabilitacións destes dous inmobles, adquiridos polo Concello de Ourense e cedidos á Xunta para a súa recuperación e mellora, permitirán a construción de 3 novas vivendas de 1, 2 e 3 dormitorios, cos seus correspondentes rochos, para destinalos, de modo prioritario, a vivenda social.
Concretou que os traballos, que acaban de comezar, teñen un prazo de execución de 12 meses, polo que no verán de 2019 estarán a disposición 3 novas vivendas de promoción pública en Ourense, logo dunha achega da Xunta de preto de 580.000 euros.
A titular de Infraestruturas dixo que, tamén nestes momentos, o seu departamento ten en execución as obras de rehabilitación de dúas vivendas noutro edificio desta mesma rúa, en vilar número 1, que se agarda ter rematadas a finais do verán.
Indicou que, paralelamente, se está avanzando na recuperación do edificio da rúa Cervantes 14, que será adxudicado nos próximos días, co obxectivo de iniciar as obras de construción de 3 vivendas tamén no verán.
Subliñou que, en conxunto, coas vivendas actualmente en obras ou en contratación, as actuacións do departamento que dirixe supoñen completar na cidade un total de 14 edificios rehabilitados, con 30 vivendas e un investimento de preto de 5 millóns de euros. Deste xeito, engadiu, se terá xa rematada ou en obras a rehabilitación de tódolos edificios propiedade da Xunta no conxunto histórico de Ourense.
Ethel Vázquez aproveitou a súa visita a Ourense para destacar a importancia do programa Rexurbe da Xunta, que vai a permitir ao seu departamento continuar coa adquisición de novos inmobles na cidade. Neste senso, sinalou que ao abeiro deste plan, se teñen recibido ofertas para que a Xunta adquira máis inmobles máis neste conxunto histórico para a súa rehabilitación.
Referiu que a Xunta está actualmente comprobando toda a documentación achegada coas ofertas e avanzando na tramitación administrativa para poder asinar as escrituras de compravenda despois do verán e, de seguido, avanzar na redacción dos proxectos de rehabilitación.
Lembrou que este programa da Xunta representa unha grande oportunidade para a recuperación e revitalización de zonas que, coma esta de Ourense, atesouran historia e importantes valores patrimoniais nas súas rúas e centros históricos.
En definitiva, concluíu, as actuacións que hoxe presentou en Ourense son unha mostra máis da aposta que se está a facer desde o Goberno galego por recuperar o patrimonio arquitectónico construído e darlle vitalidade aos barrios máis emblemáticos das vilas e cidades, fomentando a actividade económica e propiciando que sexan lugares atractivos para vivir, cheos de xente, de actividade e con futuro.
- Te recomendamos -