Vázquez Mourelle lembra que o traballo conxunto coas empresas e as principais forzas sindicais fixo posible acadar un acordo laboral que é referente no Estado en materia de subrogación e dereitos dos traballadores
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe como exemplo de compromiso en materia de dereitos dos traballadores o acordo laboral acadado, coa posta da primeira fase do Plan de Transporte Público de Galicia.
Vázquez Mourelle, que participou esta mañá nunha mesa redonda sobre os Aspectos laborais e controis na Lei de contratos do sector público’, no marco da xornada organizada por UGT Galicia, abundou así na importancia dos aspectos laborais nos contratos públicos para a departamento que dirixe.
A conselleira puxo como exemplo do papel que xogan as relacións laborais nos contratos públicos o proceso que culminou coa posta en marcha da primeira fase do Plan de Transporte Público de Galicia o pasado mes de agosto, grazas ao traballo compartido das empresas de transporte, as forzas sindicais e a Xunta de Galicia.
Neste senso, lembrou que fronte a un escenario inicial no que parecía que a metade de Galicia ía quedar sen transporte público, as empresas do sector ían ir á ruína e os traballadores á rúa, entre todos conseguise que Galicia non quedase nin un día sen transporte, que as empresas seguisen operando e que os traballadores conservasen os seus empregos.
Explicou os logros conseguidos cara a acadar un modelo de transporte público máis útil, máis sostible e máis eficiente, sentando as bases para a completa reorganización do mapa de rutas que debe culminar en 2019 cun Plan de transporte público capaz de responder desde a modernidade e eficacia ás necesidades da Galicia do século XXI. Poñendo en marcha novas modalidades, como o autobús compartido e o transporte baixo demanda, que, sen prexudicar a ninguén, benefician a moita xente.
Sinalou que o primeiro gran salto cara adiante na calidade dos servizos de transporte público chegou coa lei 10/2016, na que a consellería se autoimpuxo unha obriga de calidade moito máis alá do legalmente exixible. De feito, na posta en marcha da primeira fase do Plan de Transporte Público de Galicia o seu departamento xa se obrigou a que, a lo menos, o 65% das puntuacións previstas nos pregos fosen con criterios de calidade.
Este compromiso coa calidade, engadiu, viuse ratificado e reforzado cando a Xunta xunto coas principais forzas sindicais acadaron un acordo laboral, que é referente no Estado en materia de subrogación e dereitos dos traballadores. Un acordo, destacou, sen precedentes no que, por exemplo, conseguiu respectar a subrogación do persoal e non eliminar postos de traballo durante a vixencia do contrato, sendo o incumprimento deste aspecto causa de resolución contractual.
Tamén lembrou que, para facilitar esta subrogación, plasmouse ademais o compromiso inequívoco coa calidade do servizo cando se pactou incrementar un 25% os importes que os contratos prevían para gastos de persoal, entendendo que, ademais da tranquilidade dos traballadores, a mellora das condicións laborais eran unha garantía da calidade.
Vázquez Mourelle anunciou que se quere seguir afondando de cara á segunda fase do Plan, que se porá en marcha no vindeiro ano 2019. Así, dixo, as cláusulas de garantías en materia laboral aparecen xa incluídas de inicio do novo Plan de Transporte Público de Galicia que se levou a Consello da Xunta o pasado mes de abril, así como no documento de bases do Plan sometido a información pública para achegas de tódalas entidades e persoas interesadas.
A conselleira indicou que a Xunta non só aspira a manter o nivel, senón que quere seguir avanzando e por iso se están explorando as vías legais para prever procedementos máis sinxelos que permitan garantías de calidade aos usuarios e garantías de respecto aos traballadores.
Revelou que neste intre o departamento que dirixe están vendo as posibilidades que facilita a nova Lei de Contratos, analizando a mellor forma de introducir novas cláusulas en materia social, podendo prever obrigas aos licitadores en materias como a corresponsabilidade ou a estabilidade no emprego.
Todo iso, concluíu, de cara a obrigar, aínda máis, que as empresas que queiran resultar adxudicatarias destes novos contratos – que terán unha vixencia de 10 anos – teñan que ofrecer novas e exixentes garantías en materia social e laboral para garantir aínda máis os dereitos dos traballadores.
- Te recomendamos -