Vázquez Mourelle salienta a importancia da actuación nesta vía pola intensa actividade comercial e de servizos que concentra e o elevado tráfico que rexistra, máis de 14.000 vehículos ao día
A Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a senda que se está a executar dende Gondomar ata A Ramallosa, en Nigrán, estará rematada antes de que acabe o ano, cun investimento total superior aos 2,3 millóns de euros.
Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, supervisou esta mañá a inicio das obras deste itinerario peonil e ciclista na PO-340, que segundo explicou, incidirá positivamente na mobilidade e na seguridade viaria dos veciños de Gondomar e de Nigrán, xa que lles permitirá realizar os seus percorridos habituais dun xeito máis cómodo e seguro.
Salientou a importancia desta actuación, por ser unha vía que atravesa varios núcleos de poboación e concentrar nas súas marxes unha intensa actividade comercial e de servizos. pero tamén equipamentos sanitarios e escolares. Unha das estradas máis importantes na comunicación dos núcleos de Gondomar e A Ramallosa, que ten unha alta intensidade de tráfico, de máis de 14.000 vehículos ao día.
Ethel Vázquez explicou que os traballos que se están a levar permitirán a construción dun itinerario peonil e ciclista ao longo de case 3,6 km desta estrada, para favorecer os desprazamentos cotiás de todos os veciños e veciñas destes dous núcleos poboacionais.
Concretamente, dixo, a senda construirase pola marxe esquerda da estrada, no punto no que actualmente rematan as beirarrúas de Gondomar, e finaliza xa no Concello de Nigrán, preto da rotonda da Ramallosa, contando cun ancho de case 3 metros.
A titular de Infraestruturas da Xunta, lembrou que as obras incorporarán melloras en tres interseccións para posibilitar os cambios de sentido e calmar o tránsito de vehículos, pero tamén para permitir que os peóns crucen a estrada dun xeito moito máis seguro en puntos concretos da estrada.
Deste xeito, concretou que se mellorará o acceso á contorna do instituto, cun carril central para facilitar o xiro á esquerda e un paso de peóns con refuxio central, atendendo así á solicitude que fixo o centro educativo. Tamén se actuará no cruce coa estrada da Deputación, moi preto ao centro de saúde do Val Miñor, e, por último, se mellorará un cruce con outra estrada provincial e habilitaranse zonas de aparcadoiro.
Estas actuacións enmárcanse no Plan de Sendas de Galicia que, na comarca de Vigo recolle a construción de 11 novas sendas cun orzamento de 4,3 millóns de euros. Un plan que nesta comarca, segundo lembrou a conselleira, xa está avanzando, con 4 sendas rematadas e outras 4 en execución. Estas obras serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Supresión de TCAsEthel Vázquez detallou tamén que cos traballados de construción desta senda, a consellería eliminará dous treitos de concentración de accidentes identificados nesta estrada, dentro da Estratexia de Eliminación de TCAs.
Concretou que o seu departamento tamén vai a intervir no reforzo na seguridade viaria no Val Miñor, suprimindo outros 4 treito de concentración de accidentes existentes na PO-331 e na PO-552, ao seu paso por Gondomar e Nigrán.
Vázquez Mourelle explicou que os proxectos correspondentes xa saíron a información pública, analizando agora as achegas recibidas, co obxectivo de licitar as mesmas neste ano 2018. Estas actuacións forman parte da iniciativa da Xunta de ter eliminados en 2020 todos os TCAS nas estradas autonómicas.
- Te recomendamos -