Vázquez Mourelle explica que os traballos iniciados no mes de abril, cun prazo inicial de execución de 9 meses, foron reorganizados para acoller esta cita deportiva de referencia e “gran escaparate no que mostrar os atractivos turísticos da nosa terra”
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que as obras de mellora da seguridade viaria que se están a acometer na estrada AC-100, que vai desde O Barqueiro ata o porto de Bares, acurtará os seu prazos de execución para estar a punto ao paso da volta ciclista a España polo Concello de Mañón, previsto para o vindeiro 6 de setembro.
Vázquez Mourelle, xunto co alcalde. Alfonso Balseiro, quixo achegarse hoxe ata o Concello de Mañón para supervisar, sobre o terreo, a evolución dos traballos nesta estrada autonómica entre O Barqueiro e a vila de Bares, na que o departamento que dirixe está a investir 1,3 millóns de euros a cuxos traballos están executados nun 40%.
Segundo sinalou, os traballos iniciados no mes de abril, que contaban cun prazo de execución de 9 meses, foron reorganizados polo departamento que dirixe ao coñecerse que a Volta Ciclista a España pasaría por esta estrada do Concello de Mañón. Motivo polo que, seguiu explicando, se reorganizaron os traballos, destinado todos os medios posibles para acurtar prazos para que a AC-100 poida estar a punto para acoller esta cita deportiva de referencia.
Subliñou que neste intre se está a intervir a un ritmo moi intenso e con todos os medios posibles para que os traballos estean finalizados a tempo para o paso da volta ciclista a España. Un evento, tal e como salientou, que contribuirá a proxectar a imaxe de Mañón e de Galicia no conxunto de España. “Un gran escaparate no que mostrar os atractivos turísticos da nosa terra”, remarcou.
Características da intervenciónExplicou que as obras de acondicionamento da estrada esténdense ao longo de 4,8 km, entre a travesía do Barqueiro e a entrada á Vila de Bares, tendo como obxecto a intervención a súa ampliación na anchura necesaria para acadar os 6,5 metros, ademais de dotala dunha cuneta de seguridade nos treitos nos que sexa necesario.
A conselleira destacou que o bo ritmo ao que avanzan os traballos permitiron a realización de pequenos desmontes para a ampliación e a redistribución da plataforma existente dentro da zona de dominio público da estrada, polo que non foron necesarias expropiacións. A actuación complétase, engadiu, coa reposición do firme, a ampliación das obras de drenaxe alí onde sexa preciso e coa renovación de sinalización, balizamento e defensas.
Trátase, seguiu explicando, de traballos que teñen como obxectivo adecuar a estrada que vai ata o porto de Bares, favorecendo a mobilidade e asegurando desprazamentos máis cómodos e seguros, xa non só aos veciños de Mañón, senón a todos os usuarios que se achegan ata o porto ou a outros centros de actividade, como pode ser a canteira á que se accede desde esta estrada.
Reforzos de firme en varias estradas autonómicasEthel Vázquez referiuse tamén ás distintas actuación que está a acometer o seu departamento, destinadas ao reforzo de firme en varias estradas autonómicas ao seu paso polo termo municipal de Mañón, na que se están a investir preto de 250.000 euros.
Entre estas intervencións a conselleira falou das obras que nesta mesa estrada se están a facer co fresado e reposición do firme no treito inicial, e tamén no seu remate, no porto de Bares. Ademais das que se están a acometer na estrada AC-862, que comunica Ferrol con San Cibrao.
Actuacións, dixo, que se enmarcan no conxunto de proxectos a curto prazo que estamos a impulsar desde a Xunta para mellorar as conexións das comarcas de Ferrol, Eume, Ortegal e A Mariña luguesa. E que responden, concluíu, a ese obxectivo prioritario de reforzar a seguridade viaria e proporcionarlle aos veciños mellores comunicacións que faciliten o seu día a día e que contribúan ao desenvolvemento económico e social de toda esta zona da costa norte galega.
- Te recomendamos -