Inicio Galicia Ethel Vázquez avanza que a conexión entre o polígono de San Cibrao...

Ethel Vázquez avanza que a conexión entre o polígono de San Cibrao das Viñas e a A-52 estará ao servizo dos veciños a mediados de 2020 e suporá un novo pulo para a promoción económica da provincia

0

Vázquez Mourelle pon en valor esta infraestrutura propia do século XXI, deseñada e pensada para favorecer o dinamismo e a actividade e contribuír, así, ao progreso do conxunto da comunidade

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe o inicio das obras da conexión entre o polígono de San Cibrao das Viñas e a A-52, cun investimento de máis de 21,8 millóns de euros, que estará ao servizo dos veciños a mediados de 2020 e suporá un novo pulo para a promoción económica da provincia.

Vázquez Mourelle puxo en valor esta infraestrutura propia do século XXI, deseñada e pensada para favorecer o dinamismo e a actividade e contribuír, así, ao progreso do conxunto da comunidade.

Salientou que co comezo hoxe destas actuacións a Xunta cumpre a palabra dada, xa que o presidente Alberto Núñez Feijóo manifestou na súa última visita á zona o compromiso co inicio das obras en xuño.

Na actualidade xa se teñen realizado os traballos de limpeza e roza en Rante, máis ou menos á metade da traza do que será esa nova vía e tamén, de xeito paralelo, comezarán estes traballos noutro tramo, ao inicio do enlace coa autovía A-52.

Esta vía de novo trazado, que transcorre polos termos municipais de Taboadela e de San Cibrao das Viñas, terá unha lonxitude aproximada de 4,5 km. O seu comezo será no enlace de Gargantóns, que conecta a autovía a A-52, a autovía AG-31 que vai a Celanova e a estrada local de Rante, onde se reordenarán os accesos a través dunha glorieta.

Tamén se executará unha segunda glorieta ao final do trazado, para conectar coa N-525, ao sur do actual acceso ao polígono industrial. Para salvar o río construirase un viaduto de máis de 500 metros, que terá unha altura considerable, dada a complicada orografía desta zona. Habilitaranse pasos inferiores e superiores para dar continuidade ás vías locais e camiños existentes, ademais de cruces a distinto nivel, coas estradas locais, para garantir a permeabilidade.

O novo itinerario reducirá en máis do 60% o percorrido da conexión actual coa A-52 o que, unido a unha maior velocidade, de ata 100 km/hora, se traducirá tamén nunha aínda maior redución do tempo necesario para percorrelo. Ademais, incrementará a seguridade viaria e mellorará a conectividade coa autovía de Celanova, favorecendo a mobilidade e os desprazamentos en toda esta zona.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que se trata dun proxecto ambicioso, froito da planificación completa, recollida no Plan sectorial viario de Ourense, que se aprobou no ano 2014, unha infraestrutura que permitirá atender as necesidades de comunicación do polígono industrial de San Cibrao e de toda a comarca. Concretou que o trazado compatibiliza a menor afección aos terreos e edificacións existentes cos requirimentos técnicos desta vía.


- Te recomendamos -