A actuación comezará por un treito de 11,5 quilómetros entre A Pobra de San Xiao de Láncara e Sarria centro, onde se acreditou maior necesidade de ampliación
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que o trazado do desdobramento da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, no treito entre Pobra de San Xiao e Sarria centro, se aprobará este mesmo verán, co obxectivo de ter tamén pechado o proxecto construtivo no 1º semestre do 2019.
Vázquez Mourelle interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde detallou os pasos que está a dar o departamento que dirixe para o desdobramento desta vía de alta prestacións.
Detallou o traballo que se continua a desenvolver para incrementar a funcionalidade desta infraestrutura, coa contratación a principios do ano 2017 da redacción do proxecto de trazado, impacto ambiental e proxecto construtivo da primeira fase de desdobramento da vía de altas prestacións Nadela-Sarria, no treito comprendido entre os enlaces da Pobra de San Xiao e Sarria centro.
A conselleira sinalou que a conversión en autovía estivo planificada pola Xunta xa durante a construción da Vía de altas prestacións, o que facilitará os traballos de desdobramento.
Concretou que o desdobramento se acometerá pola marte esquerda, no sentido Sarria e prevé adaptar os enlaces existentes no primeiro treito da actuación: A Pobra de San Xiao, Sarria Norte e Sarria Centro. Ademais, prolongaranse seis pasos inferiores, ademais dos pasos de fauna e das obras de drenaxe transversal, aproveitando os existentes ao longo de toda a lonxitude do treito. Nos pasos superiores non serán necesarias actuacións adicionais.
Incremento de tráfico do 10%A titular de Infraestruturas sinalou que a posta en marcha do proceso de desdobramento desta infraestrutura está xustificada tecnicamente polo incremento do tráfico que veu rexistrando nos últimos anos que nesta vía situáronse entre 2016 e 2017 nun 10% fronte ao incremento de preto do 2% que se rexistrou o conxunto da rede autonómica.
Tamén dixo que a Xunta decidiu iniciar o desdobramento do treito de 11,5 km, comprendido entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, por ter un menor nivel de servizo e unha menor funcionalidade da vía, derivada da propia orografía do terreo, con fortes pendentes que reducen a velocidade dos vehículos pesados e diminúen considerablemente as posibilidades de adiantamento.
Repasou os avances do seu departamento nos trámites administrativos necesarios para a conversión en autovía deste treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro. Empezando pola contratación da redacción do proxecto de trazado do desdobramento neste treito que, desde principios de xuño, está sendo sometido a información pública, para que todos os interesados poidan trasladar as súas consideracións e achegas, e cuxo de presentación de alegacións rematará o vindeiro 13 de xullo. E de maneira simultánea, engadiu, se está a tramitar a declaración de impacto ambiental.
Neste senso, incidiu en que unha vez remate o prazo e analizadas todas as alegacións recibidas e incorporadas as oportunas, a Xunta aprobará definitivamente este mesmo verán o proxecto de trazado. A continuación continuarase cos trámites necesarios para ter o proxecto construtivo aprobado no 1º semestre de 2019.Á hora de referir a importancia desta actuación, que suporá un investimento da Xunta de 23 millóns de euros, a conselleira salientou a súa incidencia na mellora da seguridade viaria de todos os usuarios, xa que permite separar fisicamente os sentidos de circulación, o que minimiza o risco de impactos frontais, e eliminan os adiantamentos con invasión do carril contrario, o que reduce riscos potenciais.
Ethel Vázquez destacou tamén que a intervención permitirán mellorar a funcionalidade e o nivel servizo, coa redución dos tempos de percorrido e co incremento da capacidade, coa conseguinte comodidade para os usuarios.
En definitiva, dixo, está intervención da Xunta vén a dar un novo pulo a unha infraestrutura viaria esencial para avanzar no reequilibrio territorial e na igualdade de oportunidades dos cidadáns do interior de Galicia.
A conselleira lembrou tamén que este Goberno investiu, en plena crise, 135 millóns de euros na vía de altas prestacións Sarria-Monforte, un fito na mobilidade e na vertebración do sur da provincia de LugoDeste xeito, concluíu, a Xunta vén facendo desde 2009 enormes esforzos para incrementar e estender a rede de vías de altas prestacións, coa posta en servizo de máis de 200 km de estradas libres de peaxe, cun incremento de máis do 60%. E agora, rematou, o Goberno galego da un novo paso, coa mellora da funcionalidade de vías de altas prestacións xa construídas, a través da súa conversión en autovía, como se está a facer no Morrazo, se fará na VAP Brión-Noia e, por suposto, con esta primeira fase para desdobrar a vía de altas prestacións Nadela-Sarria, no treito A Pobra de San Xiao-Sarria centro.
- Te recomendamos -