Os exames oficiais convocados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística celebraranse os días 26 e 27 de maio e 2 e 3 de xuño en Santiago de Compostela e en Ponferrada
Este venres, 13 de abril, remata o prazo de inscrición nas probas oficiais de acreditación do Celga 2018 convocadas pola Xunta de Galicia mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución do 6 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 1, 2, 3 e 4, no ano 2018 (procedemento ED114A).
Os exames realizaranse os días 26 e 27 de maio (Celga 4 e Celga 2, respectivamente) e 2 e 3 de xuño (Celga 3 e Celga 1, respectivamente) en Santiago de Compostela e en Ponferrada (os niveis 2, 3 e 4, dado o especial interese da promoción do uso do galego nos territorios galegofalantes do Bierzo e Sanabria). Canda a publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas, o departamento fará públicos os espazos e horarios.
A inscrición pódese xestionar presencial ou telematicamente desde a sede electrónica da Xunta aquí.
En marcha 33 cursos preparatorios dos catro niveisA semana pasada, Política Lingüística puxo en marcha 33 cursos preparatorios específicos de cada nivel, nos que participan 1050 ata finais de maio, no marco do Plan de formación en lingua galega 2018, que inclúe 16 cursos presenciais (2 do Celga 2, 7 do Celga 3 e 7 do Celga 4) e 17 cursos en liña (3 do Celga 1 e, por primeira vez, 14 do Celga 4, destinados tanto a persoas con residencia en Galicia coma no exterior).
O Celga é o certificado en lingua galega que expide a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e que acredita o coñecemento da lingua en cinco niveis: Celga 1, Celga 2, Celga 3, Celga 4 e Celga 5. Trátase dun modelo de aprendizaxe, ensino e avaliación de lingua galega adaptado ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa, no que se describen os coñecementos e habilidades que se contemplan en diferentes niveis para que a comunicación sexa eficaz.
Toda a información no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.
- Te recomendamos -