Inicio Galicia Eliminado un vertido contaminante ao río Sar en Santiago tras a intervención...

Eliminado un vertido contaminante ao río Sar en Santiago tras a intervención dos inspectores de Augas de Galicia

0

A orixe estaba nunha rede de augas pluviais que desaugaba á canle fluvial, provocando unha significativa presenza de contaminación microbiolóxica

O labor inspector de Augas de Galicia permitiu acabar cunha serie de emisións contaminantes que se viñan producindo ao río Sar, no Concello de Santiago. Concretamente, o punto de vertido estaba localizado á altura do Complexo Multiusos Fontes do Sar, onde os múltiples controis analíticos realizados polos técnicos amosaban unha presenza de contaminación microbiolóxica significativa.

A orixe do problema, segundo puideron determinar os inspectores, era unha rede a través da cal se canalizan as augas pluviais do polígono de Fontiñas e que estaba a desaugar directamente ao río. Esta situación foi posta en coñecemento do Concello de Santiago por parte de Augas de Galicia co fin de que adoptara as medidas oportunas para acabar coas emisións contaminantes nesta zona.

A lonxitude da rede en cuestión, que discorre baixo todo o polígono de Fontiñas e zonas adxacentes, dificultou moito a detección dos puntos concretos que estaban a producir as emisións contaminantes. Por esta razón, técnicos de Augas de Galicia e do Concello de Santiago traballaron xuntos ata identificar e corrixir un total de catro conexións incorrectas ao longo do trazado: Camiño Francés, rúa da Raxeira, Área Central e rúa das Fontes do Sar.

Aínda que as últimas analíticas no punto de vertido final confirmaron a ausencia de contaminación, os inspectores da Administración Hidráulica realizarán controis analíticos periódicos para garantir a reaparición de emisións contaminantes a través desta rede.

Cómpre lembrar que a detección e posterior eliminación deste foco contaminante foi posible grazas ás tarefas de inspección realizadas por Augas de Galicia no marco do Plan de Control de Vertidos ao dominio público hidráulico, unha ferramenta esencial para acadar a máxima calidade das augas na Demarcación Galicia-Costa e detectar e corrixir puntos sensibles nas redes municipais de saneamento.


- Te recomendamos -