O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se apoia a sete entidades supragrupais, tres nadas na convocatoria de 2015 e catro de nova configuración
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se conceden axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), cun total de 3.275.359 euros repartidos en dúas modalidades. A primeira delas diríxese a mellorar as 3 agrupacións creadas ao abeiro da convocatoria de 2015; mentres que a segunda está centrada na creación de novas agrupacións estratéxicas de investigación.
O obxectivo é dotar o sistema da capacidade de liderado, estabilidade e dimensión necesaria en liñas ou áreas de investigación a longo prazo, centradas en áreas prioritarias para a Comunidade Autónoma, así como potenciar a integración e sinerxías dos proxectos científicos que se desenvolvan. Cómpre salientar que en ambas modalidades da convocatoria se valorou que as agrupacións contribúan a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no SUG, a través da implantación dun Plan de xestión da diversidade de xénero na súa composición.
Dúas das axudas, as dirixidas a BioReDes e a CITACA, van destinadas a agrupacións con sede nos campus de Lugo (Campus Terra) e de Ourense (Campus Auga), respectivamente. Confírmase así o compromiso da Xunta de Galicia coa especialización dos campus periféricos ao tempo que se dá mostra dos resultados en investigación que esta estratexia está a dar.
FortalecementoRespecto das agrupacións creadas ao abeiro da convocatoria de 2015 –Agrupación Estratégica Cross-Research in Environmental Technologies (CRETUS), CICA INIBIC e Economics and business administration for society (ECOBAS)–, as tres revalidan a axuda. A finalidade é apoiar o programa de accións relacionadas coa axenda científica da agrupación, o fortalecemento da súa estrutura interna e o fomento da súa proxección cara ao exterior, a integración e o fortalecemento de sinerxías para unha mellor consecución dos seus fins.
CRETUS (USC), que acadou unha axuda de 600.000 euros, centra a súa actividade investigadora na concepción, desenvolvemento e avaliación de tecnoloxías ambientais sostibles, que minimicen impactos e riscos ambientais e que permitan recuperar recursos en procesos que sexan económica, social e ambientalmente sostibles. Neste momento está constituída por 8 grupos e aglutina a 157 investigadores que traballan nas áreas de xestión do ciclo da auga, ordenación e recuperación de solos, xestión e valorización de residuos e control da contaminación atmosférica.
Pola súa banda CICA INIBIC (UDC), que dispón dunha axuda de 545.516 euros, xurdiu para formalizar unha relación profesional entre os grupos das áreas de Química e Bioloxía da UDC e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). Búscase así desenvolver unha axenda científica común centrada en resolver retos sociais no ámbito da Bioloxía, a Química e as Ciencias da Saúde. Na actualidade está composta por 24 grupos, que teñen como áreas de investigación a prevención de enfermidades mediante a mellora da alimentación, o estudo de factores ambientais e contaminantes que inciden na saúde, a análise de novos axentes para diagnose e terapia, a aplicación de ferramentas TIC e biotecnolóxicas e o desenvolvemento de técnicas, nanomateriais e biomoléculas con aplicación na medicina.
No caso de ECOBAS (UVigo), cuxa axuda ascende a 400.000 euros, trátase dunha agrupación centrada en consolidar a colaboración entre os grupos de investigación de referencia no ámbito da Economía da Empresa dentro do SUG, para maximizar o impacto académico, económico e social das súas actividades de I+D. Composta por 11 grupos, as súas areas de investigación son a economía dos recursos naturais, a ambiental e enerxética, a innovación, e o emprendemento, entre outras.
Novas agrupaciónsNo referido ás novas agrupacións, apóiase a creación dun total de catro. A Agrupación Estratégica en Materiales (AEMAT, USC), contará cunha axuda de 500.000 euros para coordinar, fomentar e contribuír a consolidar unha unidade de referencia en investigación en materiais avanzados e nanociencia. O seu obxectivo é establecer un liderado autonómico que sirva de estímulo e apoio á contorna tecnolóxica sobre os principios da excelencia científica, da política de talento, da xestión eficiente, da transferencia de coñecementos e da investigación e innovación responsables. Estará conformada por 12 grupos de investigación que traballarán no eido dos nanomateriais funcionais e outros materiais (cerámicas, magnéticos, plasmónicos, poliméricos e superconductores), dispositivos ópticos ou biomateriais.
A axuda á agrupación Xestión e Produción Sostible de Biorrecursos (BioReDes, USC) ascende a 405.759 euros e contribuirá a que os 16 grupos que a compoñen desenvolvan o seu obxectivo de abordar, desde unha perspectiva sistémica e adaptada ás particularidades da contorna galega, os problemas e retos asociados á produción e xestión dos biorrecursos. Para iso afondarán en áreas como a produción e saúde animal sostible, a produción vexetal e a agricultura, a alimentación segura, a xestión forestal, o cambio climático, a biodiversidade e as infraestruturas verdes, entre outras.
Pola súa banda, a agrupación de Enxeñería Civil e Edificación (CITEEC, UDC) acadou unha axuda de 400.000 euros coa que traballarán para mellorar e intensificar a investigación e transferencia de coñecemento nos eidos da edificación e da enxeñaría civil desde un punto de vista sostible. Estará composta por 8 grupos, que abordarán as áreas de preservación e mellora do medio ambiente, adaptación ao cambio climático e global, xestión sostible de recursos hídricos e enerxéticos, mobilidade sostible ou deseño, desenvolvemento e monitorización de materiais, procesos e construcións que resulten seguras, duradeiras e sostibles; entre outras.
Finalmente, o Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentario do Campus Auga (CITACA, UVigo), cunha axuda de 424.084 euros, ten como misión crear unha rede multidisciplinar e integrada de unidades de investigación, docencia e transferencia de tecnoloxía e coñecemento para contribuír á sustentabilidade ambiental e á competitividade do sector agroalimentario. Os 9 grupos que participarán nel afondarán, para iso, nas áreas de investigación de protección dos recursos hídricos, auga e solo, produción primaria sostible e seguridade e calidade alimentaria.
Cómpre lembrar que entre os criterios para xustificar a creación de novas agrupacións está o seu carácter estratéxico ou singular no contexto galego, tomando en consideración o valor engadido que supón a súa creación e a contribución, por exemplo, aos obxectivos fixados singularmente no marco da Estratexia de especialización intelixente para Galicia (RIS3). A realización de investigación estratéxica, colaborativa e interdisciplinar de calidade no contexto da Comunidade Autónoma e a mellora da súa proxección no ámbito internacional son outros dos factores tidos en conta.
A eles súmanse o aproveitamento conxunto de infraestruturas, equipamento e espazos dispoñibles ou de nova creación do SUG; a incorporación de novo persoal investigador en áreas que pola súa actividade científica e tecnolóxica, pola súa competencia na captación de recursos e polo seu valor estratéxico institucional así o requiran; ou favorecer unha maior presenza de investigadores/as do SUG en programas de investigación e intercambio internacionais, entre outros.
Agrupacións para unha mellor I+D+iAs agrupacións estratéxicas son estruturas organizativas de investigación, definidas como tales polas universidades propoñentes, cun nivel de agregación superior ao grupo de investigación, que teñen por obxecto desenvolver unha actividade de investigación colaborativa estable e planificada con obxectivos propios, máis aló do ámbito local e a satisfacción das demandas do ámbito produtivo.
Neste sentido, favorecen a creación de coñecemento de fronteira, a competitividade no acceso a fontes de financiamento, a mellora da calidade e do impacto da produción científica, a eficacia e a eficiencia no emprego dos recursos públicos, a optimización organizativa e o aumento da visibilidade da actividade desenvolvida dun xeito que dificilmente podería lograr o grupo de forma individual.
A Xunta de Galicia realizou xa catro convocatorias dirixidas á creación destas agrupacións (2008, 2009, 2012 e 2015), de xeito que se constituíron un total de 12 agrupacións ao abeiro das mesmas. O traballo de excelencia que desenvolven derivou en que sete delas acadasen a condición de Centro Singular de Investigación de Galicia (CIQUS e CIMUS en USC; CITIC en UDC e CINBIO e CIM en UVIGO) ou ben de Agrupación Estratéxica Consolidada (CITIUS na USC e ATLANTTIC na UVIGO) nunha convocatoria realizada a tal efecto no ano 2016.
- Te recomendamos -