Este Workspace está configurado como un laboratorio de ideas onde os docentes poderán poñer en práctica procesos innovadores tanto desde o punto de vista tecnolóxico como metodolóxico
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer en marcha unha aula innovadora, Workspace, dotada dun completo equipamento tecnolóxico, destinada á formación do profesorado.
Este Workspace, instalado no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), está concibido como un laboratorio de ideas, onde os profesores terán a oportunidade de idear estratexias e proxectos e poñelos en práctica antes de aplicalos e incorporalos á dinámica da aula cos seus alumnos.
Así, neste espazo de encontro, aprendizaxe e experimentación, os docentes poderán traballar con ferramentas como impresoras e escáneres 3D, kits de robótica, programación en arduino, aparatos robotizados e gravadoras-cortadoras láser, entre outros moitos utillaxes cos cales poderán desenvolver proxectos, perfeccionalos e compartir coñecementos con outros profesores.
Esta é unha das principais novidades no ámbito formativo que se inclúe no Plan Anual de Formación do Profesorado 2018/19 de cara ao vindeiro curso que hoxe presentou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez.
O conselleiro cualificou de “totalmente revolucionario” este Workspace presentado esta mañá, unha aula integral na que se xuntan unha zona de traballo e outra para afondar en novas metodoloxías de ensino, máis permeables, flexibles e motivadoras para os rapaces; e onde “os espazos se adaptan ao alumno, e non á inversa”. Está previsto que os Centros de Formación e Recursos (CFR) da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo contén cun aula similar para a formación do profesorado na súa área competencial; e nestes momentos está aberta unha convocatoria para a incorporación de Espazos Maker de xeito inicial a modo de experiencia piloto en dez institutos.
Román Rodríguez subliñou que a formación é “unha carreira de fondo” pola que a Consellería está apostando de xeito decisivo. Neste senso, destacou como fundamental que as novas liñas estratéxicas en materia educativa deben ir acompañadas de plans formativos específicos, sobre todo nos eidos das linguas, das tecnoloxías e da igualdade e inclusión.
Así, o Plan Anual de Formación do Profesorado para o vindeiro curso vai a seguir incidindo nas liñas abertas xa ao abeiro das Estratexias Edulingüe, Edudixital, de Convivencia e a función directiva entre outras.
No eido tecnolóxico, ademais da aula Workspace, por primeira vez en Galicia póñense á disposición dos docentes os recursos, materiais e ferramentas da plataforma ESERO (departamento da Axencia Espacial Europea, ESA, que se ocupa da formación do profesorado) para o coñecemento no eido matemático, computacional e astronómico.
Así mesmo neste próximo período escolar vaise lanzar un novo plan específico en Formación en Igualdade (ata o de agora concibido como un módulo), que estará aliñado coas novas materias de Libre Configuración Autonómica que se ofertan para o vindeiro curso como Coeducación para o século XXI para 1º de Bacharelato (que da continuidade á de “Igualdade de xénero” que se oferta en ESO), e Sociedade Inclusiva. Tamén se traballará no reforzo das Escolas de Nais e Pais (Enapas), co fin de que estean plenamente operativas neste curso.
Todas esta accións, en palabras do conselleiro, representan o firme compromiso de que o sistema educativo se anticipe aos retos de futuro, dotando tanto aos profesores coma aos alumnos dos recursos e ferramentas necesarias. E, tamén traballando desde unha perspectiva integral que abarca desde a base do sistema educativo (Primaria) ata a ESO, o Bacharelato, a Formación Profesional e a Universidade.
Balance Plan anteriorRespecto ás iniciativas levadas a cabo no Plan de Formación do curso 2017/18, cómpre destacar que ao abeiro do mesmo realizáronse un total de 3.100 actividades formativas (un 11% máis que no anterior curso) e alcanzáronse os 21.000 profesores formados, con 75.800 horas de formación (un 17% máis).
Ao igual ca nos anos anteriores, en torno ao 60% desta formación levouse a cabo nos propios centros escolares e, por temática, a liña máis demandada é a formación en Igualdade, convivencia e inclusión (multiplicouse por catro o número de docentes formados, acadando os11.500), seguida da formación en Educación dixital, TIC, Stem e E-Dixgal (coa participación de case 6.400 docentes), a Formación Profesional e a Formación en Idiomas
- Te recomendamos -