Román Rodríguez avanza un paquete de accións STEM dun millón de euros, enmarcado en Edudixital 2020, que posibilitará a creación de Espazos maker nos centros e un campamento científico-tecnolóxico en inglés
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou esta mañá un paquete de medidas STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) para o próximo curso 2018/19, enmarcadas na Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020. Tal e como destacou, “a acción prioritaria nesta estratexia STEM” será a posta en marcha do Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxías, o STEMbach, que se ofertará por primeira vez o vindeiro curso co obxectivo de promover a vocación do alumnado pola investigación científica e tecnolóxica a través dunha metodoloxía que facilite a súa incorporación á Universidade. Precisamente, este bacharelato –pensando tanto para a modalidade de Humanidades como para a de Ciencias– permitirá unha conexión directa co ensino universitario, posto que o alumnado que o curse deberá desenvolver, no segundo curso, un proxecto de investigación individual ou colectivo con posterior defensa pública. Este proxecto, similar ao traballo de fin de grao, será co-dirixido por unha persoa docente pertencente a un departamento universitario ou a un centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Materia extracurricular semanalAdemais, o alumnado cursará algunha materia extracurricular semanal, de dúas ou tres horas, de afondamento relacionada co ámbito de materias STEM e cunha orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais. Terá unha carga lectiva semanal de 2 ou 3 horas fóra do horario ordinario do alumnado. Esta materia será a mesma nos dous cursos coa correspondente secuenciación curricular.
Así mesmo, realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades ou entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia; como conferencias, obradoiros ou proxectos.
Ao final da etapa, e tras a avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, o alumnado recibirá unha certificación acreditativa da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa.
En palabras do conselleiro, “este bacharelato conectará a formación científico-tecnolóxica do alumnado coas necesidades reais da sociedade actual, e vindeira”.
Espazos maker e STEMweekOutra das accións STEM novidosas é a creación dos Espazos Maker, lugares nos propios centros educativos que fomentan a creatividade do alumnado baixo a máxima de “aprender facendo”. Trátase de espazos, que conlevarán dotación de equipamento específico e unha achega económica, destinados a alumando, profesorado e incluso familias nos que poidan desenvolver proxectos mediante a experimentación. Nesta primeira convocatoria búscase chegar a 10 centros educativos, aos que se lles entregará o material necesario, así como unha achega individual de 2.000 euros, para desenvolvelo.
Xunto coa Semana STEM –celebrada o pasado outono con 300 nenos e nenas de 5º de Primaria a 2º de ESO–, entre finais de agosto e principios de setembro de 2018 tamén se desenvolverá o primeiro campamento científico-tecnolóxico en inglés: a STEMweek. Nesta semana de inmersión STEM en inglés poderán participar 200 alumnos de 3º e 4º de ESO. Estas 200 prazas súmanse ás 450 deste ano da Semana STEM, co cal un total de 650 rapaces e rapazas poderán mellorar os seus coñecementos científico-tecnolóxicos en campamentos fóra do horario lectivo.
Robótica e clubs de cienciaEstas tres novas medidas –o STEMbach, os Espazos Maker e a STEMweek– súmanse ás xa desenvoltas no curso actual, que de cara ao ano que vén se ampliarán e potenciarán. Deste xeito, e a maiores do incremento de prazas da Semana STEM, o obxectivo é duplicar os centros con Robótica en Primaria, tendo en conta que nesta primeira experiencia do curso actual hai 111 centros e 11.000 alumnos implicados.
E por último, tamén se busca incrementar o número de centros con club de ciencia. Actualmente hai 30 centros con este espazo, pero o obxectivo é favorecer a creación de 70 máis, chegando así a 100. Estes clubs, para os cales a Consellería destina 1.200 euros, nacen como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan dar resposta ás súas curiosidades e aos seus intereses e resolver problemas.
Estratexia máis ambiciosa do EstadoSegundo salientou Román Rodríguez, “STEM non é un método educativo, é máis que iso. É prepararse para os retos que presenta a medio prazo a sociedade so século XXI”. Neste sentido, e xunto coa implicación de profesorado e alumnado –como se comprobou na primeira feira STEMlab Galicia, celebrada o pasado abril– o departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en marcha a estratexia STEM “máis ambiciosa de todo o Estado, trasladando ás aulas as metodoloxías máis innovadoras”, explicou.
En total, todas estas iniciativas implican un investimento por parte da Consellería de preto dun millón de euros. Salvo o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxías e a STEMweek, todas as convocatorias poden consultarse no portal web da Consellería http://www.edu.xunta.gal/portal/.
- Te recomendamos -