Trátase dos CEIP A Ramallosa (Teo), CEIP Felipe de Castro (Noia), CPI Ramón Piñeiro (Láncara), CEIP Luís Pimentel (Lugo), CPI Terras de Maside (Maside), CIFP Portovello (Ourense), CEIP Tenorio (Cerdedo-Cotobade) e CPI Arealonga (Vilagarcía de Arousa)
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de licitar por un importe de 4.828.170 de euros as obras de rehabilitación integral completa -enerxética e funcional- que levará a cabo en oito centros escolares de Galicia a razón de dous por provincia.
Os centros obxecto desta actuación son o CEIP A Ramallosa (Teo), o CEIP Felipe de Castro (Noia), o CPI Ramón Piñeiro (Láncara), o CEIP Luís Pimentel (Lugo), o CPI Terras de Maside (Maside), o CIFP Portovello (Ourense), o CEIP Tenorio (Cerdedo-Cotobade) e o CPI Arealonga (Vilagarcía de Arousa).
Unha vez completados todos os trámites administrativos, a Consellería traballa coa previsión de que as obras -cun prazo máximo de execución de 2,5 meses- se leven a cabo durante o período estival aproveitando as vacacións de verán e coa finalidade de que estean rematadas ao inicio do curso 2019-20. Todas as actuacións están cofinanciadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Por provinciasNa provincia da Coruña a obra de reforma do CEIP A Ramallosa (Teo) foi licitada por un importe de 714.642 euros, mentres que o CEIP Felipe de Castro (Noia) licitouse por 677.032 euros.
En Lugo a Consellería acaba de licitar a obra de rehabilitación do CPI Ramón Piñeiro (Láncara) por un importe de 676.652 euros, e do CEIP Luís Pimentel (Lugo) por 543.096 euros.
En Ourense, o CPI Terras de Maside (Maside) foi licitado por 500.00 euros e o CIFP Portovello (Ourense) por 521.949 euros.
Por último, en Pontevedra Educación licitou o CEIP Tenorio (Cerdedo-Cotobade) por 578.087 euros e o CPI Arealonga (Vilagarcía de Arousa) por 616.710 euros.
En xeral os traballos supoñen unha reforma integral (enerxética e funcional) dos centros, que xeralmente abranguen actuacións específicas en cubertas e fachadas (illamentos), carpinterías (substitución por outras con rotura de ponte térmico), luminarias (substitución por equipos de alta eficiencia enerxética) e outros elementos das instalacións. Estas actuacións complementaranse con outras como o pintado de aularios ou posibles melloras funcionais segundo o establecido nos proxectos técnicos, así como con melloras estéticas e funcionais coa incorporación dunha imaxe corporativa única a través da gama de cores empregados nas aulas e en todos os elementos identificativos e sinaléctica dos centros.
Estas intervencións buscan un aforro enerxético – e un menor custo derivado do consumo de luz e calefacción-, á par que se xeran novas oportunidades de emprego, a través da participación no deseño dos proxectos de arquitectos novos. De feito, as actuacións realizadas entre 2016 e 2018 supoñen un aforro en termos enerxéticos de 6,5 millóns de kw/hora anuais. Ademais, contribúese a un modelo de desenvolvemento sostible e á concienciación e sensibilización dos máis pequenos na importancia do coidado do medio ambiente.
Balance 2016-2018Deste xeito a Consellería continúa coa aposta firme pola mellora das infraestruturas escolares co fin de ofrecer unha maior confortabilidade aos seus usuarios á vez que acadar un aforro nos custes de mantemento dos edificios; unha acción que se enmarca no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas posto en marcha en 2016 e que conta cun orzamento global de 118,5 millóns de euros ata 2020.
Desde que se puxo en marcha esta acción a Consellería leva investidos máis de 13 millóns de euros en obras de rehabilitación enerxética e integral de 29 centros escolares (todos eles foron construídos hai décadas) ao longo de tres anos.
De feito, no presente ano acometéronse obras deste tipo nos CPI do Feal (Narón), no CPI Plurilingüe de Fonte-Díaz (Touro), no CEIP Veleiro-Docampo (Castro de Rei), no CEP Luís Tobío (Viveiro), no CEIP Plurilingüe de Ribadavia, no CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia), no CPI Alfonso VII (Caldas de Reis), no CPI Santa Lucía (Moraña) e no CEIP Pena de Francia (Mos).
- Te recomendamos -