A Consellería activará nas próximas semanas unha nova edición destas axudas que teñen como obxectivo favorecer a xeración de emprego de calidade a través de novas empresas e da consolidación de compañías novas de recente creación
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Economía, Emprego e Industria activará nas próximas semanas unha nova edición do programa Galicia Emprende, que achegará axudas por valor de 3 millóns de euros a 80 proxectos de autónomos e emprendedores que mobilizarán investimentos que acadarán os 11 millóns de euros.
Esta liña de apoio ao emprendemento, desenvolta polo Igape e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Económico, ten como obxectivo estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante a creación e fortalecemento de novas pemes. O importe dos investimentos apoiados estará comprendido entre os 25.000 e os 500.000 euros e as axudas poderán cubrir ata o 30% dos mesmos no caso das pequenas empresas e ata o 20% no das medianas.
Os novos emprendedores ou autónomos interesados en solicitar as axudas poderán facelo en calquera das dúas edicións que, de xeito sucesivo, se activarán durante este ano, para facilitar a elaboración, presentación e execución dos investimentos. Pódense acoller proxectos promovidos en Galicia, tanto de nova creación como de consolidación de empresas durante os seus primeiros 42 meses de funcionamento.
Balance 2017Ao abeiro das convocatorias do Galicia Emprende de 2017, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsou nas comarcas do Salnés, Pontevedra, Condado Paradanta, Caldas e Deza, un total de 80 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos. Os investimentos mobilizados, acadaron os 2,26 millóns de euros, dos que 722.000 euros corresponden ao volume de axudas concedidos.
En canto á comarca do Salnés, foron un total de 3 as iniciativas apoiadas o ano pasado, dúas en Ribadumia e 1 en Cambados. O volume de axudas acadou os 126.471,60 euros, e o investimento apoiado foi de 384.891,41 euros. Estas iniciativas estiveron relacionadas coa produción vitivinícola e coa prestación de servizos de estética. Galicia Rural EmprendeCo mesmo obxectivo pero focalizando a acción no ámbito rural, a Xunta vén desenvolvendo, tamén a través do Igape, o programa Galicia Rural Emprende, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas sobre o territorio. Na convocatoria de 2017 deste programa concedéronse axudas a 44 proxectos aprobados nos que se mobilizaron 5M€ en investimentos.
Deste xeito, a través das edicións dos programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende correspondentes ao pasado ano, a Xunta concedeu axudas a 162 proxectos empresariais de emprendedores que mobilizan máis de 18 millóns de euros en novos investimentos, levando asociada a creación e o mantemento de 385 postos de traballo. O orzamento destinado este ano pola Xunta ao emprendemento, a través do Igape, ao abeiro de ambos programas, suma de novo 7,5 millóns de euros, como no 2017.
- Te recomendamos -