O delegado territorial, José Manuel Balseiro, sinalou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste preto de 578.000 euros nestas iniciativas
Dous obradoiros de emprego que compartirán seis municipios da provincia de Lugo darán comezo mañá. En concreto, inciarase o obradoiro Cumes da Terra Chá III, que comparten os concellos de Begonte, Friol e Rábade, e o de Eo-Navia II, na Pontenova, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.
Estas iniciativas supoñen a contratación de 49 persoas, segundo explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. Do total, 40 son alumnos traballadores que recibirán formación teórica e práctica que lles permita obter un certificado de profesionalidade. O resto de contratos son para persoal de dirección, administración e monitores.
Balseiro sinalou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria realiza un investimento de case 578.000 euros nestes proxectos. Cada un deles recibe unha achega de 288.800 euros.
Tres especialidades no taller ‘Cumes da Terra Chá III’Esta será a terceira edición do obradoiro Cumes da Terra Chá III, que impartirá tres especialidades. Conta con 5 alumnos traballadores en Friol na modalidade de ‘Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización’, que traballarán na execución de beirarrúas nas marxes da estrada LU-231.
A parte de ‘Revestimentos con pezas ríxidas por adherencia en construción’ ten 10 alumnos (6 en Begonte e 4 en Rábade). En Begonte ocuparanse da renovación da cuberta do local social de San Vicente de Pena -antiga escola unitaria- e do acondicionamento interior da planta baixa do local social de Baamonde. En Rábade, está prevista a execución da beirarrúa dereita da rúa Rosalía de Castro, así como traballos de pavimentación e execución dunha beirarrúa na N-VI.
Por último, ‘Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería’ ten 5 alumnos (2 en Begonte, 2 en Friol e 1 en Rábade). As actividades que acometerá centraranse no mantemento e mellora das distintas zonas verdes dos tres municipios.
Proxectos do obradoiro ‘Eo Navia II’O obradoiro Eo Navia II conta coas especialidades de ‘Operacións auxiliares de albanelería, fábricas e cubertas’; ‘Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción’ e ‘Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización’.
Na Pontenova hai seis alumnos que traballarán na substitución da cuberta e outras reformas na antiga escola de Xudán. En Negueira de Muñiz, os seis participantes ocuparanse da rehabilitación de camiños tradicionais e construcións de interese etnográfico -entre outros, o vial de Vilas de Arriba, o de ‘lavadoiro’, a seimeira de Negueira e o pozo de Bustelo-.
Os oito alumnos traballadores da Fonsagrada adicaranse á mellora e acondicionamento do edificio da escola unitaria da Pobra de Burón.
Durante estes días estanse a poñer en marcha a totalidade dos 20 obradoiros previstos na provincia de Lugo, dous deles para menores de 30 anos -ambos xa iniciados, en Lugo e Ribadeo-. En total, involucran a 50 concellos, supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións.
- Te recomendamos -