Inicio Galicia Diferentes departamentos da Xunta e a Dirección Xeral de Tráfico distribuirán 7.400...

Diferentes departamentos da Xunta e a Dirección Xeral de Tráfico distribuirán 7.400 chalecos reflectores entre os peóns, usuarios vulnerables das estradas

0

O Executivo autonómico, a través desta iniciativa, prevé repartir 30.000 chalecos para peóns e 3.000 para ciclistas entre 2018 e 2020, cun orzamento de máis de 108.000 euros


Diferentes departamentos da Xunta e a Dirección Xeral de Tráfico distribuirán 7.400 chalecos reflectores entre os peóns, usuarios vulnerables das estradas, para mellorar a súa seguridade.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, entregoulles estas prendas a varios departamentos do Goberno galego e á DXT, que colaborarán no seu reparto. No acto participaron a conselleira de Política Social, Fabiola García; o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén; o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez; o director xeral de Emerxencias, Luis Menor; e a coordinadora da DXT en Galicia, Victoria Gómez.

Esta iniciativa da Consellería de Infraestruturas prevé entregar 30.000 chalecos para peóns e 3.000 para ciclistas entre 2018 e 2020, cun orzamento de máis de 108.000 euros.

O Goberno galego continúa a traballar para acadar o propósito da redución dos riscos no tránsito polas estradas dos usuarios máis vulnerables, para o que son necesarias accións dirixidas a nenos, maiores, persoas con mobilidade reducida, ciclistas ou motociclistas.

A Xunta, no marco do Plan de seguridade viaria 2016- 2020, continúa co desenvolvemento de medidas como a estratexia para a eliminación de tramos de concentración de accidentes na rede viaria autonómica; do Plan de reforzos de firme; ou do Plan de Sendas.

No eido da sensibilización, o Goberno galego seguirá efectuando programas de educación viaria nos colexios da comunidade e campañas de concienciación de condutas axeitadas nas estradas nos medios de comunicación.

Tamén continúan os cursos de condución segura de motocicletas, prevéndose 16 xornadas de formación no período 2018-2020.


- Te recomendamos -