A Xunta de Galicia, con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero que se conmemora o día 25 de novembro, quere amosar un ano máis o seu firme compromiso contra a violencia de xénero, a manifestación máis cruel e inhumana da desigualdade existente entre mulleres e homes no mundo.
A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación, sempre desde o respecto ao réxime de distribución competencial, en todas as accións que se desenvolvan, posto que o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica a multitude de axentes, tanto desde o sector público como desde o privado.
Para iso necesítase un consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade galega para alcanzar os acordos que permitan avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres.
Así o esixe a sociedade no seu conxunto xa que, nesta materia, só se conseguen avances se hai un compromiso integral dende todos os ámbitos, para seguir impulsando na axenda como un asunto prioritario, a loita contra todas as formas de violencia cara ás mulleres.
Así, a campaña institucional da Xunta de Galicia para este ano 2018, ten unha mensaxe clara e directa: Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbida: NONCon este lema queremos dicirlle NON a todas a formas de violencia de xénero recollidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, sinaladas no seu artigo 3: violencia física, violencia psicolóxica, violencia económica, violencia sexual e abusos sexuais, acoso sexual, e a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual.
A loita contra todas as formas de violencia cara ás mulleres é un asunto prioritario para o Goberno galego, conscientes de que se trata dunha cuestión que nos afecta como sociedade e como país e da que depende o futuro da nosa convivencia.
Máis aló da resposta para acabar coa impunidade e garantir a seguridade e a reparación do dano ás vítimas, debemos impulsar na sociedade os cambios necesarios para previr a violencia sobre as mulleres e rexeitala de forma unánime. A concienciación social foi e é esencial para erradicar o problema.
Contamos agora cunha ferramenta moi importante, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado de maneira unánime en decembro de 2017 polas Comunidades Autónomas, e que nos debe axudar a seguir traballando na senda da máxima coordinación, colaboración e cooperación entre todas as institucións e seguir concienciando á sociedade da necesidade de rematar con esta lacra para entre todos erradicar completamente a violencia de xénero.
Toda a sociedade ten que involucrarse no rexeitamento aos maltratadores e previr a violencia.
Este é o momento crucial para impulsar definitivamente a construción dunha sociedade libre de violencia sobre as mulleres.
- Te recomendamos -