Datos e letras comparten este ano a xornada festiva do 17 de maio en Galicia. Ao igual que as letras, os datos en si mesmos achegan unha información concreta e limitada. Cando as letras se unen xorden as palabras, que conforman unha lingua e da unión das palabras nacen as frases, que se xuntan nos parágrafos que conforman a historia desa lingua e a súa cultura. A sociedade dixital aliméntase de inxentes cantidades de datos, que debidamente tratados e analizados, convértense nunha fonte de información de valor extraordinario coas máis diversas aplicacións.
Entre as grandes posibilidades que ofrece o tratamento masivo de datos están a identificación de problemas, o control dos efectos que provocan as medidas que se adoptan para resolvelos e as facilidades para calibralas e adaptalas ante as necesidades que vaian xurdindo. Isto supón grandes vantaxes en calquera ámbito e, especialmente, na xestión pública onde estes modelos preditivos facilitan a toma de decisións. Existen exemplos experimentais destes usos en todo o mundo, incluídos proxectos para mellorar a xestión da auga, dos residuos e os aplicados á medicina personalizada.
O Día Mundial da Internet céntrase na potencialidade deste uso e tratamento intelixente dos datos e no reto que ten a sociedade actual de atopar un equilibrio que garanta os dereitos dos cidadáns ao mesmo tempo que se aproveitan as oportunidades que ofrecen.
O último informe da Unión Internacional das Telecomunicacións sobre a Sociedade da Información no Mundo sinala o Big Data, o IoT ( internet das cousas), o Cloud Computing e a Intelixencia Artificial como as catro tendencias chave no desenvolvemento tecnolóxico dos vindeiros anos.
O organismo internacional avanza que a aplicación intensiva destas técnicas propiciarán innovacións de envergadura e transformarán radicalmente os sectores empresarial, gobernamental e social durante as próximas décadas, sempre que se adopten as políticas propicias á experimentación e á innovación ao mesmo tempo que se mitigan os posibles riscos para seguridade e a privacidade.
Os novos servizos que xurdirán destas aplicacións requiren dunhas infraestruturas de telecomunicación avanzadas. A Xunta de Galicia converteu a tecnoloxía nun elemento transversal da Administración autonómica en 2009 e apostou desde entón por estender a conectividade a todo o territorio galego e agora en incrementar a calidade e a velocidade desa conectividade. O Plan de Banda Larga e a Lei de Impulso e Ordenación de infraestruturas de Telecomunicación de Galicia co seu desenvolvemento normativo son instrumentos clave para acadar estes obxectivos.
Neste intenso marco de innovación a inminente entrada en vigor, o vindeiro 25 de maio, do novo Regulamento Europeo de Protección Datos cambiará as regras que rexían a privacidade en Europa, tanto para o sector público como para o ámbito empresarial.
A norma europea incorpora novos dereitos para os cidadáns como o dereito ao esquecemento, o consentimento expreso ou a portabilidade dos datos e implica un maior compromiso das organizacións públicas e privadas coa protección de datos así como unha forma diferente de xestionalos.
A Administración autonómica vén traballando na adaptación a este novo Regulamento, no marco do Plan Director de Ciberseguridade, co que nos últimos anos aumentou as súas capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.
Desde a Xunta de Galicia afrontamos as novas obrigas como retos que nos axudan a adaptármonos á actual revolución dixital, reforzando o respecto aos dereitos a cidadanía e, sobre todo, favorecendo a súa confianza no uso de medios electrónicos como pilar dunha nova economía e dun novo modelo de sociedade.
- Te recomendamos -