Anxo Lorenzo destaca os sete anos dunha “iniciativa singular, nunha contorna única” que consolida a aposta pola convivencia entre as linguas “coa cultura galega como referente”
A Consellería de Cultura e Educación presenta unha nova edición, a sétima, do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, que terá lugar na Illa de San Simón entre o 1 e o 6 de outubro e na que participan, coordinados pola poeta e dinamizadora cultural galega Yolanda Castaño, outros seis autores procedentes de lugares tan dispares como Galicia, o País Vasco, Portugal, Alemaña, India e Irak. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destaca que se trata “dunha iniciativa singular nun espazo único”, que consolida a aposta do seu departamento pola convivencia entre as linguas, “coa cultura galega como referente”.
Para Anxo Lorenzo, este obradoiro é un esforzo “de intercambio e de creatividade, que lles achega aos sistemas culturais implicados moitos beneficios”, o que apuntou como un dos motivos principais polos que desde a Consellería de Cultura e Educación se apoia esta iniciativa desde o seus comezos, no 2012. Durante a presentación da sétima edición, Lorenzo estivo acompañado pola coordinadora do obradoiro, Yolanda Castaño; así como por representantes das entidades colaboradoras, como a concelleira de Cultura do Concello de Redondela, Teresa París; o deputado de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra, Xosé Leal; e a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carme Fouces.
O castelán como lingua vehicularEste ano, por vez primeira, o castelán será a lingua vehicular dun obradoiro no que participan, ademais da coordinadora, o poeta e crítico literario vigués Xosé María Álvarez Cáccamo; a filóloga e poeta vasca Miren Agur Meabe; a poeta, investigadora e tradutora portuguesa Rosa Alice Branco; o xornalista, tradutor e poeta alemán Timo Berger; o poeta e profesor de español hindú Subhro Bandopadhyay e o escritor, hispanista e tradutor iraquí Abdul Hadi Sadoun.
Os sete autores traballarán durante preto dunha semana na Illa de San Simón, berce simbólico da poesía galega, nunha liña “de difusión e dinamización cultural que se vén favorecendo desde a Secretaría Xeral de Cultura polo interese que ten propiciar ese intercambio, que motiva e enriquece os autores, que fai nacer novas ideas e, probablemente, novos proxectos de colaboración e novas pontes entre culturas diversas”, apuntou Anxo Lorenzo.
Lecturas poéticas multilingüesO traballo de colaboración dos autores na illa “contribúe á dinamización da actividade cultural de San Simón e á promoción dos seus valores patrimoniais, cando celebramos o Ano Europeo do Patrimonio Cultural”, apunta o secretario xeral de Cultura. Porén, a iniciativa transcende o traballo individual e conxunto dos poetas participantes, “ao enriquecerse e abrirse á sociedade con tres lecturas poéticas multilingües nas cidades de Pontevedra, Vigo e Redondela”, precisou Anxo Lorenzo.
Deste xeito, o mércores 3 de outubro, ás 20:00 horas na Casa das Campás de Pontevedra, o público poderá coñecer unha mostra tanto do traballo poético dos autores participantes, como do seu labor de tradución ao galego durante o proxecto; o xoves 4 de outubro, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos de Vigo, o recital celebrarase en colaboración co Festival Kerouac Vigo de Poesía e Performance e o venres 5 de outubro, ás 20:00 horas, na praza de Figueroa en Redondela terá lugar o peche do obradoiro, no que cada poeta recita no seu idioma orixinal, seguido das versións en galego realizadas para a ocasión.
- Te recomendamos -