O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reuniuse hoxe con representantes da Banda Municipal de Música de Silleda e da Banda La Lira de Ribadavia, aos que confirmou o apoio do seu departamento á participación das dúas formacións musicais no Certame Internacional de Bandas de Música Cidade de Valencia. En concreto, o departamento de Cultura da Xunta de Galicia sufragará o importe do transporte no que viaxen ao concurso.
O certame celebrarase entre o 19 e o 23 de xullo. A banda silledense tomará parte do mesmo na súa Sección Primeira, mentres que a ribadaviense farao na Terceira. O Certame Internacional de Bandas de Música Cidade de Valencia está entre os máis importantes que se celebran no mundo no ámbito bandístico, e ten a finalidade de fomentar e estimular a actividade musical como parte fundamental do patrimonio cultural, mantendo a tradición, e, a intención de achegar á cidadanía unha rica programación de actividades musicais no seu sentido máis amplo.
Esta iniciativa enmárcase no apoio do departamento de Cultura da Xunta de Galicia ás bandas de música. Neste eido, o pasado ano púxose en marcha unha nova liña de axudas para apoiar ás escolas de música municipais, por importe de 300.000 euros. A convocatoria foi dirixida a subvencionar o funcionamento tanto das escolas de música dependentes dos concellos como das asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro, como é o caso das propias bandas. O obxectivo desta liña de axudas é potenciar o funcionamento dos centros e apoiar as iniciativas e entidades que desenvolven ensinanza musical desde unha formación non regrada.
Así mesmo, asinouse un convenio de colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) para a organización, por terceiro ano consecutivo, do Festival de Bandas de Música Infantís e Xuvenís. O Museo Centro Gaiás será o escenario do certame, que terá lugar o vindeiro 8 de xullo coa participación estimada dunha ducia de agrupacións que reunirán preto de 500 intérpretes. Con esta mesma Federación, asínase anualmente un convenio a través do que a Consellería apoia, entre outras actividades, a organización do Certame Galego de Bandas de Música Populares e do Concurso Galego de Composición.
Asemade, a Cidade da Cultura acolleu o pasado mes de marzo o primeiro concerto organizado en Galicia dunha banda integramente feminina, que reuniu a instrumentistas de diferentes agrupacións bandísticas galegas.
- Te recomendamos -