Os traballos forman parte dun dos proxectos beneficiarios das axudas da Consellería de Cultura e Turismo que obtiveron máis de 160 entidades locais
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou hoxe o resultado dos traballos de acondicionamento realizados no conxunto etnográfico da Illa, no municipio coruñés de Santa Comba, onde se veñen de rehabilitar tres muíños así como as sendas naturais para facilitar o acceso a este recurso de especial interese para o turismo de natureza e tamén cultural.
Os traballos forman parte dun dos proxectos beneficiarios das axudas que anualmente outorga a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia de Turismo de Galicia, para colaborar cos concellos na mellora da accesibilidade turística dos seus recursos. Unha liña de axudas da que este ano se beneficiaron máis de 160 entidades locais.
As accións levadas a cabo en Santa Comba –que contaron cun investimento de máis de 33.000 euros- incluíron a rehabilitación dos tres muíños existentes nesta área, así como a limpeza da maleza, a dotación de mobiliario urbano e a sinalización turística con información sobre flora e fauna deste espazo natural.
Conservación dos recursosDurante a visita, Nava Castro remarcou estes traballos que posibilitan o uso recreativo deste conxunto etnográfico e natural, á vez que demostran que a actividade turística contribúe a conservar e manter os recursos patrimoniais de Galicia, especialmente importante tamén neste final de 2018, no que se está a celebrar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural.
A posta en valor desta zona natural do interior da provincia de A Coruña enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia por traballar de xeito coordinado cos concellos galegos axudándolles a poñer en valor os seus recursos. Deste xeito, contribúese a reducir a estacionalidade, a atraer visitantes que xeren sustentabilidade económica e ambiental e tamén a redistribuír os fluxos turísticos. Coa recuperación do conxunto etnográfico turístico e natural da Illa, na parroquia de Freixedo, Santa Comba suma así un novo atractivo turístico á súa oferta como un dos lugares incluídos no xeodestino Terras de Santiago.
- Te recomendamos -