A Agadic e a organización deste encontro internacional acadaron un acordo para apoiar economicamente unha selección de grupos que dá conta da puxanza galega no panorama da música independente
As bandas galegas terán unha importante presenza na décima edición da Monkey Week Son Estrella Galicia, que por terceiro ano consecutivo se celebra en Sevilla. Once delas desprázanse ata a capital sevillana co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, a través do acordo acadado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a organización deste encontro internacional para dar conta –baixo a marca GalicianTunes– da puxanza da nosa escena musical independente a nivel estatal.
Novedades Carminha é, por exemplo, un dos cabezas de cartel da que é a edición máis grande, profesional e internacional da Monkey Week, que se desenvolve durante toda a semana en numerosos escenarios de Sevilla. O grupo compostelán actuará este venres 23 no Teatro Alameda, encabezando ademais a representación galega que ofrecerá showcases tanto o venres como o sábado 24 noutros seis espazos. A través deles, reflectirase unha variada panorámica sonora que vai desde a revisión máis vangardista das raíces tradicionais ata a electrónica ou o hip hop, entre outros moitos estilos.
O venres será tamén a quenda de Baiuca, o novo grupo de Alejandro Guillán, que repetirá actuación o sábado; Boyanka Kostova, pioneiros do trap en galego, con dous directos ese mesmo día; o trío de hip hop Seda; os sons psicodélicos de Bifannah; a ‘psychocumbia’ de Esteban y Manuel; e Yuraq Walla, o proxecto en solitario de Guillermo Cavero.
Estes showcases galegos do sábado estarán protagonizados polo folk-pop de Peña; Mounqup, alias da francesa afincada en Galicia Camille Hédouin; o quinteto Puma Pumku e o seu rock psicodélico; e o dance-rock de Ladrillo y Mujer.
Os grupos foron seleccionados tras unha convocatoria pública xestionada pola organización de Monkey Week, encontro que nos últimos anos se ten convertido nunha efectiva plataforma de lanzamento para bandas emerxentes de toda España, tanto a nivel estatal como no resto de Europa e Latinoamérica.
- Te recomendamos -