Inicio Galicia Cultura e Turismo celebra no Pórtico da Gloria o Mes da Ciencia...

Cultura e Turismo celebra no Pórtico da Gloria o Mes da Ciencia en Galego

0

O conselleiro Román Rodríguez participa nun acto institucional con alumnado do IES Sofia Casanova de Ferrol, que contou co relatorio de Luis Puig Mosquera baixo o nome ‘A xeometría do Pórtico da Gloria’


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou esta mañá con alumnado do IES Sofía Casanova de Ferrol no acto institucional de celebración do Mes da Ciencia en Galego. A este evento, que se desenvolveu no Pórtico da Gloria, tamén asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez; os presidentes da Real Academia de Ciencia, Miguel Ángel Ríos, e da Institución Galega de Ciencia, Manuel Díaz; así como o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez.

Román Rodríguez considerou un acerto escoller este ano o Mestre Mateo, arquitecto do Pórtico da Gloria, como figura homenaxeada nesta celebración, porque “ao destacarmos os coñecementos matemáticos que a este xenio lle cumpriron para crear unha das obras cume da arte medieval, unimos nunha soa figura as culturas humanística e científica e poñemos como exemplo desa conxunción unha obra galega que asombra o mundo”.

Neste liña, resaltou que “o Pórtico da Gloria, de tan galego que é, é patrimonio da humanidade”, ao mesmo tempo que fixo un paralelismo coa lingua propia de Galicia, “que non pecha portas nin no ámbito da ciencia nin en ningún outro, senón que nos fai, ao par que máis galegos, máis universais”, salientou.

Pola súa banda, o catedrático Luis Puig Mosquera impartiu o relatorio ‘A xeometría do Pórtico da Gloria’, centrada en aspectos matemáticos da obra do Mestre Mateo. A continuación, o alumnado do IES Sofía Casanova asistiu a unha visita ao Museo das Peregrinacións.

A Consellería de Cultura e Turismo completa cos actos celebrados hoxe as actividades do Mes da Ciencia en Galego, que promove nas bibliotecas públicas e mais nos centros educativos a través dos equipos de dinamización da lingua galega.

Cultura científica galega como patrimonio europeoA conmemoración de novembro como Mes da Ciencia en Galego oriéntase a visibilizar a utilidade da lingua galega como instrumento de pescuda e de divulgación científica. Cada ano, Igaciencia propón centrar a celebración en dous científicos, un galego e outro estranxeiro, a quen se rende homenaxe.

Dado que este 2018 foi declarado Ano Europeo do Patrimonio Cultural, buscouse poñer de relevo a cultura científica e a cultura galega como patrimonio cultural europeo. En consonancia con isto, os científicos destacados foron Arquímedes, un dos máis grandes matemáticos e físicos europeos de todos os tempos, e mais ao mestre Mateo, arquitecto do Pórtico da Gloria, probablemente a obra galega máis universalmente coñecida e que máis nos conecta coa cultura do resto de Europa.


- Te recomendamos -