Inicio Galicia Cores Tourís visita as actuacións executadas dentro do Plan Marco no concello...

Cores Tourís visita as actuacións executadas dentro do Plan Marco no concello de Vilaboa

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou dous camiños de San Adrián aos que se destinaron un total de 54.000 euros


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá en Vilaboa as obras executadas dentro do Plan Marco 2017-2018 a través das cales puidéronse mellorar dous camiños en San Adrián, onde se investiron 54.000 euros. Na visita estivo acompañado polo alcalde do municipio, José Luis Poceiro, e polo xefe territorial de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo.

A obra consistiu na mellora dos firmes de dous camiños da parroquia de San Adrián: o coñecido como “estrada das Ubeiras”, que vai dende o entronque coa N-554, ata onde comeza a estrada de Santradán, así como outro que enlaza directamente co de Santradán.

A mellora de ambos viais foi necesaria por estar en mal estado o firme anterior, procedéndose ao seu bacheo previo e a limpeza e perfilado das cunetas, co reasfaltado final da traza dos viais e a elevación das tapas dos pozos de saneamento. Finalmente, repúxose a calzada con unha capa de rodaxe con aglomerado en quente. En total, actuouse en 750 metros con anchuras moi diferentes.

Segundo apuntou José Manuel Cores Tourís, o Plan Marco ten como “obxectivo ampliar, mellorar ou manter os camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso dos agricultores e gandeiros as súas parcelas”. Deste xeito, facilitarase a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais incluíndo tanto actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Quedan excluídas, en cambio, as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

En total, para a provincia de Pontevedra, o investimento do Plan Marco ascenderá no presente 2018 a algo máis de 3,2 millóns de euros.


- Te recomendamos -