Inicio Galicia Cores Tourís comproba o avance na concentración parcelaria de Oubiña segundo sector...

Cores Tourís comproba o avance na concentración parcelaria de Oubiña segundo sector en Cambados

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que na actualidade xa están executadas o 90% das obras dos camiños e que se está a rematar a solicitude das fincas de reemprazo de cada propietario

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cambados co obxectivo de analizar os avances da concentración parcelaria de Oubiña Segundo Sector, acompañado da xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra, María José Pérez, do responsable da Xefatura de Comarca III, Julián Alvira, e dos membros da Xunta Local.

A concentración parcelaria de Oubiña Segundo Sector conta cunha superficie global de 46 hectáreas, 172 propietarios e 684 parcelas. Nestes intres, o investimento xa destinado á mesma é de 880.350 euros, o que permitiu desenvolver os estudos de impacto ambiental, as bases provisionais e as definitivas, a redacción do proxecto de camiños de servizo e o acordo de reestruturación parcelaria.

O delegado territorial destacou a apertura da rede principal de camiños que está executada practicamente na súa totalidade e que permitiu executar case tres quilómetros duns viais “que cambiarán a o fluxo do tráfico nesta zona, xa que facilitarán a comunicación dos polígonos de Tremoedo e Cambados, así como os núcleos rurais”. Esta é a razón pola que se está a avaliar o seu asfaltado.

José Manuel Cores Tourís engadiu que tamén se están a rematar as reunións cos propietarios para a solicitude das novas fincas de reemprazo, o “que nos permitirá poñelas a súa disposición xa en breve”. Neste punto quixo agradecer tanto a Xunta Local como aos donos das fincas a súa “excelente colaboración”, xa que “permitiu que puidésemos traballar con máis celeridade”.

O responsable territorial asegurou que esta zona de Oubiña presenta unhas características moi concretas “que permitirán que, unha vez rematada a concentración, a zona sufra unha transformación importante, dada a alta potencialidade produtiva tanto en cultivos de viñedo como hortícolas”.

José Manuel Cores Tourís aproveitou para recordar que na comarca do Salnés continúan activas 9 concentracións parcelarias (dúas en Vilanova de Arousa –en Baión e Tremoedo-; cinco en Meis –Nogueira, Paradela, San Martiño I e II e San Salvador-; a de Lois en Ribadumia e a de Oubiña en Cambados), cun investimento ata a data de hoxe de máis de 13,3 millóns de euros.


- Te recomendamos -