Inicio Galicia Cores Tourís comproba o avance das obras da 1ª fase de mellora...

Cores Tourís comproba o avance das obras da 1ª fase de mellora na estrada PO-235, no Concello da Lama

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que hoxe o DOG fai pública a data para a formalización das actas de ocupación dos bens e dereitos afectados por este proxecto, de cara a que se proceda a efectuar o pagamentos dos depósitos aos donos dos terreos expropiados


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe as obras da primeira fase da mellora na estrada PO-235 que acaba de comezar a executar a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, entre Antas e Seixido, e que contan cun investimento de máis de 450.000 euros.

Na visita estivo acompañado polo alcalde da localidade, Jorge Canda, así como por responsables da empresa adxudicataria das obras.

A actuación adxudicada á empresa Narom S.l, dispón dun prazo de execución de 6 meses e consiste no ensanche e mellora desta estrada en varios puntos entre os núcleos de Antas e Seixido, co fin de mellorar a seguridade viaria e a comodidade na circulación.

As obras desta primeira fase comprenden a ampliación transversal de dous pontóns situados nos puntos quilométricos 15+630 e 17+300, para acadar un ancho de 8 metros, o que permitirá ampliar a calzada e dispoñer beiravías e peitorís de contención. Ademais, mellorarase o trazado das curvas de acceso aos ditos pontóns, ampliando lixeiramente o seu radio.

En relación a este tramo, o delegado territorial destacou que será necesario efectuar dous cortes na estrada que suporá ter que desviar o tráfico durante a lo menos dous meses, na Xesta e en Covas, “polo que trasladamos as nosas desculpas aos veciños e lles pedimos paciencia, porque estes cortes son necesarios para executar esta importante obra”.

Por outra banda, tamén se acondicionará a estrada desde a saída do pontón do punto quilométrico 17+300 ata o final da vía, no núcleo de Seixido. Neste punto ampliarase a sección transversal e estenderase no firme unha nova capa de rodadura. Para a drenaxe da plataforma, ademais de ampliar as obras de drenaxe que resulte necesario, procederase ao tendido e revestimento das cunetas, nos tramos que resulte conveniente.

Procederase tamén a reposición da rede de saneamento existente no núcleo de Seixido, que se ve afectada pola obra e a disposición de sinalización horizontal, vertical e de balizamento e defensas.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra tamén destacou que o DOG fai público hoxe a data para a formalización das actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras deste proxecto, que terá lugar o próximo 8 de xuño na casa do concello da Lama ás 10.30 horas.

Deste xeito, a Consellería procederá a efectuar o pagamento dos depósitos previos e indemnizacións pola rápida ocupación correspondentes aos expedientes de expropiación forzosa. Neste mesmo acto, ofertarase aos propietarios as valoracións establecidas pola administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

Neste senso, o delegado territorial agradeceu as xestións levadas a cabo polo alcalde da localidade que permitiron a cesión gratuíta da maioría dos terreos necesarios para a ampliación desta estrada, salvo no caso de dous únicas parcelas.

Paralelamente, a Xunta continúa a avanzar na redacción do proxecto da segunda fase das obras, que permitirá completar o acondicionamento da estrada mediante un investimento de 1,5 millóns de euros.


- Te recomendamos -