Entre outros temas, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra evaluou cos veciños as melloras previstas pola Xunta para a seguridade viaria nos tramos do Camiño Portugués
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión de traballo con representantes da Federación Castelao de Pontevedra, para analizar as súas demandas en relación a melloras no eido das infraestruturas.
Na reunión, o delegado territorial estivo acompañado polo secretario territorial da Xunta en Pontevedra, Ramón Pereiro, así como polo xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade, José Luis Díez.
Neste encontro, os membros da Federación Castelao analizaron cos responsables autonómicos os proxectos de seguridade viaria que se están a desenvolver para os distintos tramos polos que atravesa o camiño de Santiago, en especial, en San Caetano, na parroquia de Alba, así como en Ponte Sampaio, onde, a maiores, os veciños solicitaron retirar prazas de aparcamento para dar continuidade a este camiño na zona da ponte cara a Pontevedra. Tamén demandaron que nesta parroquia se arranxe un tramo de beirarrúas ata o cemiterio e medidas para o calmado da velocidade, así como prazas de aparcamento para discapacitados na contorna do centro de saúde.
En relación a parroquia de Lérez, propuxeron unha actuación de mellora da accesibilidade para peóns, así como de seguridade viaria, no tramo que vai entre o centro de saúde e a casa de cultura.
A maiores, analizázonse os avances no proxecto de mellora da variante de Alba. Neste senso, o delegado territorial informoulles de que tras estudarse varios trazados e presentalos ante o concello de Pontevedra, este aceptou un deles. Neste momento, estase á espera da resposta do Ministerio de Fomento sobre a reforma do futuro entronque desta estrada coa N-550.
Avance no proxecto de MonteceloDurante a reunión, José Manuel Cores Tourís, tamén explicoulles aos veciños a situación de varios proxectos previstos para a cidade, como é o caso do Hospital Montecelo, que se atopa nunha fase moi avanzada, “dando así cumprimento ao compromiso que o presidente da Xunta fixo á cidadanía de Pontevedra”.
Tamén avanzan a bo ritmo as obras de rehabilitación da Ponte da Barca o que permite manter o prazo de remate a final de ano, e están a facer compatibles os traballos co tránsito de peóns e a circulación de vehículos, minimizando o seu impacto no tráfico.
En canto ao proxecto de saneamento da ría, o delegado territorial recordoulles que son varias xa as reunións mantidas co sector e cos concellos, e que se está a traballar na novo emisario submarino e na mellora da EDAR.
Finalmente, José Manuel Cores Tourís fixo balance das obras en marcha pola Xunta de Galicia na cidade do Lérez, destacando, entre outras, as dos novos xulgados de Pontevedra, a reforma do edificio de Benito Corbal ou a execución da nova estación intermodal que facilitará a conexión entre a estación de autobuses e a de tren.
- Te recomendamos -