O delegado territorial da Xunta en Pontevedra mantivo unha reunión co rexedor para analizar a necesidade de maior iluminación nunha das glorietas
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, co obxectivo de analizar posibles melloras nas tres rotondas de acceso ao municipio.
Tal e como lle trasladou o delegado territorial ao rexedor da Illa de Arousa, os técnicos da Xefatura Territorial de Infraestruturas e Mobilidade de Pontevedra analizarán as posibles melloras nestas tres glorietas, que pasarían pola instalación de maior iluminación na segunda delas, así como a limpeza das mesmas.
Neste último senso, o delegado trasladoulle a Carlos Iglesias a posibilidade de que ambas administracións firmen un convenio co obxectivo de que o mantemento das rotondas pase a ser responsabilidade municipal.
O rexedor tamén solicitou que se leve a cabo a limpeza do carril bici así como das xuntas da ponte que enlaza a Illa co concello de Vilanova de Arousa, para retirar as herbas que crecen nestes puntos.
Na reunión, o delegado territorial estivo acompañado tamén do xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, con que se analizou a solicitude do concello da Illa de desafectar as dez vivendas de mestres coas que conta o CEIP Torre-Illa desta localidade, co obxectivo de que sexan derrubados e se poida ampliar o patio educativo.
Neste encontro, acordouse que a administración autonómica levará a cabo agora unha labor de investigación sobre os actuais residentes nesas vivendas mentres o concello levará a solicitude de desafección ao próximo pleno municipal.
Por outra banda, Pérez Ares recordoulle ao alcalde que a Xefatura Territorial investiu nas últimas semanas case 10.000 euros para reparar e cambiar as lousas da fachada que presentaban danos e problemas. O acordo entre ambas administracións foi continuar a traballar de xeito conxunto de cara a que a Xunta se faga cargo do cambio das fiestras do edificio de Educación Infantil para mellorar a eficiencia enerxética, mentres o concello asume outras obras demandadas pola comunidade educativa.
- Te recomendamos -