Inicio Galicia Corazón da Artesanía volveu converter os pendellos de Agolada no epicentro dos...

Corazón da Artesanía volveu converter os pendellos de Agolada no epicentro dos oficios artesanais, da gastronomía e da música

0

O VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrou esta fin de semana nesta localidade pontevedresa, recibiu 8.000 visitantes


O Corazón da Artesanía, VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, pechou onte as súas portas en Agolada (Pontevedra) despois dunha fin de semana na que converteu o recinto histórico-artístico dos Pendellos no epicentro dos oficios artesanais, da gastronomía e da música. Arredor de 8.000 persoas acudiron entre o venres e o domingo ata Agolada para visitar os 52 profesionais da artesanía, que representaban 26 oficios diferentes, así como os 49 expositores de produtos gourmet.

O Corazón da Artesanía, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, constitúe un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. Nesta edición destacou a aposta pola incorporación de novas ferramentas como as impresoras 3D ou cortadoras láser, nos procesos de deseño e de creación das empresas artesáns, a través dun curso de formación celebrado nos Pendellos. O Campus dos Oficios celebrou a súa segunda edición dedicado á pedra en Galicia, nunha xornada na que participaron unha trintena de profesionais dos diferentes eidos relacionados con esta materia prima como a arquitectura, a artesanía, o Clúster do Granito, as empresas de transformación ou a universidade.

Un ano máis, a iniciativa Artesanía no Prato, coa que se impulsa a interrelación e a creación de sinerxías entre Artesanía de Galicia e a gastronomía galega máis vangardista, foi outro dos éxitos do Encontro e novamente cubríronse todas as prazas dispoñibles. O programa incluíu showcookings de catro cociñeiros galegos de prestixio, así como unha degustación de coctelería de augardentes galegos e outra de produtos de calidade e de viños de Galicia.

Outro dos atractivos do evento foron os talleres de iniciación en diferentes oficios abertos a todos os públicos, que espertaron o interese de grandes e maiores, coma o de olería, o de pintura de camisetas para nenos, o tapiz colectivo ou a elaboración de zocos con materiais reciclados. As actividades lúdicas, que complementaron a programación do Corazón da Artesanía, tamén resultaron un éxito, enchendo a Praza do Concello de público que tamén visitou o Encontro.  


- Te recomendamos -