Este órgano será o encargado de avaliar as solicitudes de adhesión dos concellos a este acordo, tendo en conta diferentes criterios obxectivos de prioridade
Hoxe quedou constituída a comisión de seguimento do convenio subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.
O órgano colexiado está composto por seis vocais, dous por cada unha das partes asinantes, e presidido polo director xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto. A secretaría técnica corresponde a un representante da Fegamp. Esta comisión, tal como establece o convenio, terá como finalidade coordinar o seu desenvolvemento e, para iso, entre outras funcións, aprobará un baremo para decidir sobre a adhesión dos concellos, tendo en conta diferentes criterios obxectivos de prioridade.
Entre estes criterios atópanse, por exemplo, a afectación por grandes incendios forestais no ano 2017 e nos 10 anos anteriores, a existencia de parroquias de alta actividade incendiaria no seu territorio, os municipios incluídos en zonas de alto risco de incendio forestal, os costeiros da provincia da Coruña incluídos nas zonas de influencia do vento do nordés e os que conten con plan de prevención e defensa contra os incendios. Así mesmo, tamén se terán en conta aquelas entidades locais que teñan subscrito convenio para unha brigada municipal de prevención e extinción de incendios forestais coa Consellería do Medio Rural.
Axilización dos traballosA comisión de seguimento traballa xa na análise da información solicitada por diferentes concellos, co fin de axilizar ao máximo o proceso e adiantar, canto antes, os labores de roza nas zonas que se delimiten, dentro dos municipios que se adhiran. Estes teñen de prazo ata o vindeiro día 18 de setembro para solicitar a súa adhesión.
Este convenio a tres bandas, pioneiro no ámbito europeo, contempla un investimento por parte do Goberno galego de máis de 28 millóns de euros ata o ano 2021, en colaboración coa administración local, que cofinanciará as actuacións previstas. Contémplase a intervención, ao longo de catro anos, nunhas 16.000 hectáreas de faixas secundarias.
- Te recomendamos -