Promovido pola Xunta, o evento incrementa nun 20% o número de profesionais participantes, co que completa o total de acreditacións dispoñibles para o encontro profesional que terá lugar na Cidade da Cultura
O Auditorio Abanca de Santiago de Compostela acolle mañá a inauguración de Conecta FICTION cun acto de apertura no que soará a música de Xabier Díaz e se estreará a serie Limbo, de RTVE. Por segundo ano consecutivo, Galicia volve ser punto de encontro para a industria das series de televisión con este evento, que incrementa nun 20% o número de acreditados e esgota as súas prazas diuspoñibles ao reunir 500 profesionais de 20 países co obxectivo de fomentar a coprodución a nivel internacional.
Xunta de Galicia, ICEX e Fundación SGAE promoven unha iniciativa que congrega entre o 18 e o 21 de xuño na Cidade da Cultura as principais canles de televisión do mundo. Netflix, HBO, Mediaset ou Amazon son algunhas das empresas que acoden a Conecta FICTION. Este ano, ademais, o evento complétase cun festival de series, Conecta FICTION FEST, dedicado de xeito monográfico á produción de Movistar+ e que se desenvolverá os días 21 e 22 no Teatro Principal e no Auditorio Abanca.
Precisamente, o escenario de Abanca será o que acolla mañá ás 19,30 h. a inauguración de Conecta FICTION. Moitos dos participantes no evento, que proveñen de 20 países de Europa e América, poderán gozar da mellor música galega actual, da man da interpretación que levará a cabo Xabier Díaz.
A gala estreará ademais varios capítulos de Limbo. Esta ficción é unha das principais apostas de RTVE para a súa plataforma dixital Playz, aberta recentemente para promover a circulación de ficcións pola Internet. Trátase dunha serie de misterio, en torno a unha casa que podería estar habitada por pantasmas e que se conta a través de imaxes capturadas en pantallas de ordenador. Foi creada por Nicolás Britos e actúan nela Ingrid García-Jonsson (a actriz revelación de Hermosa juventud), o veterano Eloy Azorín (Todo sobre mi madre) e Demián Salomón (Enterrados).
Actividade na Cidade da CulturaXa entre o martes 19 e o xoves 21, a Cidade da Cultura de Galicia ofrecerá espazos de reunión, presentacións, charlas, obradoiros, clases maxistrais ou casos de estudo. Entre as actividades, destacan as cinco sesións de pitching, das que directamente sairán proxectos premiados con achegas ao seu financiamento. No PICTH COPRO SERIES de coprodución internacional foron seleccionados 10 proxectos, un dos cales obterá un contrato de desenvolvemento con RTVE, que patrocina o galardón.
Igualmente, o PITCH SGAE, apoiado pola sociedade de autores, conta con sete finalistas, entre os que figura a produción galega Oro negro, dirixida por Paula Cons. Trátase dun western sobre unha febre de ouro local, vivida durante a Segunda Guerra Mundial en Galicia. Nesa altura, os nazis ansiaban o volframio que se atopaba na fronteira con Portugal, o que fomentou o contrabando na zona.
Entre os outros pitchings, atópase outra produción galega, Y sin embargo amigas, na que participa a produtora galega Ladybug e que concorre ao PITCH DIGISERIES para series web, promovido por Playz (RTVE). Conscientes de que, cada vez máis, o consumo vai destinado á Internet e de que os formatos deben cambiar en estilo e duracións, moitas ficcións están a apostar por novos contidos. É o caso desta historia, comedia de amigas en plena crise dos 30 que buscan ‘empoderarse’ e ser xefas do seu propio destino.
Conecta FICTION ofrécelle así oportunidades ao audiovisual galego de atopar socios a nivel internacional. Neste sentido, institucións coma o Clúster Audiovisual Galego tamén organizan encontros con delegacións exteriores, como son os casos este ano de Alemaña e Colombia, países de honor desta edición.
O programa completo do evento pode consultarse nos webs www.conectafiction.com e www.conectafictionfest.com.
- Te recomendamos -