Inicio Galicia Conecta Fiction 2 acada máis de 2.400 reunións de negocio entre os...

Conecta Fiction 2 acada máis de 2.400 reunións de negocio entre os 531 profesionais acreditados de 20 países

0

O director da Agadic e a directora do evento ofreceron un primeiro balance da segunda edición deste encontro internacional arredor da ficción televisiva, promovido pola Xunta, ICEX e Fundación SGAE


A actividade profesional da segunda edición de Conecta FICTION chega hoxe ao seu fin cun primeiro balance moi positivo, que supuxo un importante incremento respecto ao ano pasado en canto a número de profesionais asistentes, xuntanzas rexistradas e acordos potenciais xurdidos ao abeiro deste evento internacional de coprodución televisiva. O encontro, que se celebra desde o pasado luns en Santiago baixo a organización da Xunta de Galicia, ICEX España Importación e Inversiones e Fundación SGAE, ábrese esta tarde e mañá ao público de Compostela co festival de series Conecta FICTION FEST. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora de Conecta FICTION, Géraldine Gonard, ofreceron este mediodía os primeiros datos recompilados pola organización, entre os que destacan as 2.400 reunións de negocio mantidas estes tres días na Cidade da Cultura de Galicia entre os 531 profesionais acreditados, que supoñen ademais o 100% da capacidade do evento.

Trinta e cinco cadeas de Europa e AméricaNo cómputo de xuntanzas inclúense as 1.337 concertadas directamente polos participantes a través da plataforma en liña, onde se rexistraron 400 máis que en 2017. Tamén se incrementou ata 20 o número de países europeos e americanos representados en Conecta FICTION, que reuniu os responsables de 35 cadeas internacionais de televisión (Netflix, HBO España, HBO LatAM, Canal Arte Francia, Televisa, Globo Brasil, Telemindo, RCN, Prosieben, Mediaset, Movistar+, Atresmedia, TVE, TVG etc.)A partir deste datos, e segundo adiantou Jacobo Sutil, a organización estima en máis de 110 millóns de euros o valor de negocio dos acordos iniciados e/ou pechados estes días. Ademais, tiveron a oportunidade de ser presentados diante dos axentes internacionais 31 proxectos audiovisuais, seleccionados entre os 183 presentados ás cinco convocatorias de pitching de Conecta FICTION. Os gañadores de cada unha delas, contarán co apoio das empresas patrocinadoras para impulsar o seu desenvolvemento.

A calidade como valor propioNeste sentido, tanto Sutil como Gonard subliñaron que, máis alá das cifras, o principal valor de Conecta FICTION é a súa calidade. Xa desde a súa primeira edición, os esforzos centráronse en ofrecerlle á industria televisiva de Europa e América un espazo propicio para a conexión entre produtoras cara á posta en marcha proxectos comúns, pero tamén un punto de encontro entre o talento (creadores, guionistas, directores…) e as empresas na procura de novas ideas, así como de debate sobre o futuro do sector da ficción televisiva.

Ademais, o director da Agadic presentou neste marco a próxima convocatoria de subvencións ao desenvolvemento de cinco proxectos audiovisuais para a difusión dos valores culturais do Camiño de Santiago, coa posterior axuda para a produción dun deles, elixido por unha comisión independente. A dotación é de 15.000 euros para cada unha das cinco propostas de desenvolvemento e de 1 millón ou 1,5 millóns de euros para a produción do proxecto finalmente seleccionado en función de se é unha película para cine ou unha miniserie para televisión, respectivamente.

Difusión audiovisual e internacional do CamiñoAs bases desta nova liña de apoio ao sector audiovisual galego, aprobada o pasado xoves no Consello da Xunta, serán publicadas no Diario Oficial de Galicia o 28 de xuño. As súas destinatarias son compañías produtoras independentes galegas que teñan conseguido cifras destacadas canto a distribución e ventas internacionais de obras anteriores e demostrada experiencia no ámbito da coprodución. Coa ollada posta na celebración do Ano Xacobeo 2021, o obxectivo é promocionar a marca Galicia e os Camiños de Santiago a través da realización dunha obra audiovisual que, polas súas características, posúa unha alta capacidade de distribución internacional.

Tras a finalización da actividade estritamente profesional de Conecta FICTION, esta tarde arranca o festival de series a través do que se lle ofrece aos cidadáns unha programación aberta e gratuíta (previo rexistro no web conectafictionfest.com) no Auditorio Abanca e no Teatro Pincipal, escenario este último onde hoxe e mañá poderá visitarse a exposición do vestiario de Velvet Colección.

A produción de Movistar + centrará as proxeccións programadas, entre as que hai primicias como El día de mañana, de Mariano Barroso. E o público xeral tamén pode participar nos talleres Transmedia nas series de Movistar+, centrado nos casos de La peste e La zona, e Os efectos especiais de La Peste.


- Te recomendamos -