Inicio Galicia Conde subliña que en Galicia equilibrio ambiental e crecemento económico van unidos...

Conde subliña que en Galicia equilibrio ambiental e crecemento económico van unidos pola aposta que se está a facer pola economía verde

0

Salienta que a Xunta está a impulsar un cambio de modelo enerxético apoiado no uso das enerxías renovables e buscando unha maior sensibilización social sobre a importancia da eficiencia enerxética

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, manifestou hoxe que en Galicia o equilibrio ambiental e o crecemento económico van unidos pola aposta que se está a facer pola economía verde. Así o manifestou na entrega dos premios Galicia Enerxía 2017, no marco da V Noite da Enerxía celebrada na cidade da Coruña.

O titular de Economía, acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, salientou que a Xunta está a impulsar un cambio de modelo enerxético apoiado nun maior uso das enerxías renovables e buscando unha maior sensibilización social sobre a importancia da eficiencia enerxética. Neste sentido, apuntou que Galicia conta cunha planificación recollida nas Directrices Enerxéticas para que, de cara ao 2020, cun investimento próximo aos 3000 millóns de euros, se poidan implantar ata 1300MW de enerxías renovables na Comunidade, impulsando tamén iniciativas como os Ecobarrios, a mobilidade sustentable ou o uso do GNL no transporte.

Os premios que cada ano concede o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, foron, nesta edición, para a empresa Ecoforest polo mellor proxecto de innovación; a Fundación Axencia da Enerxía da Provincia da Coruña foi recoñecida pola mellor campaña de sensibilización e difusión en materia enerxética; a empresa de enxeñaría Fling recibiu o premio ao mellor proxecto emprendedor; e Setga, ao mellor proxecto de iluminación. Pola súa banda, o galardón no eido de comunicación en materia enerxética foille outorgado ao xornalista Manuel Barral. Tamén Iberdrola recolleu o premio ao mellor proxecto de enerxías renovables. E, finalmente, a Universidade de Santiago de Compostela foi premiada polo mellor proxecto de eficiencia enerxética.

O conselleiro apuntou que estes premios poñen en evidencia que a eficiencia enerxética é un reto colectivo e que son moitas as empresas, institucións e persoas que traballan en Galicia para acadar este obxectivo.


- Te recomendamos -