Inicio Galicia Conde subliña a importancia de impulsar o emprendemento no rural para construír...

Conde subliña a importancia de impulsar o emprendemento no rural para construír entre todos unha Galicia forte e competitiva

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde no I Congreso AJE Terra de Lemos celebrado en Monforte, onde se deron a coñecer casos de éxito de empresarios da comarca

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe, durante a súa participación no I Congreso AJE Terra de Lemos, a aposta da Xunta por impulsar o emprendemento no rural, o que permite construír entre todos unha Galicia forte e competitiva.

O conselleiro agradeceu a AJE Lugo a organización deste evento que pretende promover a cultura emprendedora en todos os rincóns da provincia a través do exemplo de empresarios da zona que comparten cos asistentes a súa experiencia.

Conde salientou o potencial emprendedor desta comarca, tal e como se ten demostrado nas tres edicións do coworking da Ribeira Sacra, nas que se teñen impulsado proxectos vinculados a sectores estratéxicos da zona como o turismo, o viño ou o agroalimentario, pero tamén iniciativas vinculadas á innovación, o deseño ou a atender as necesidades dos veciños e concellos.

O conselleiro incidiu no papel protagonista que os emprendedores teñen, especialmento no rural, á hora de dinamizar a economía, fixar poboación e contribuír á creación de emprego de calidade e riqueza, ao tempo que asegurou que son o motor que permite que os territorios progresen.

Na súa intervención, lembrou que a Xunta está ao carón dos emprendedores a través da posta en marcha de iniciativas que impulsen a súa actividade. Neste sentido, a Administración galega conta coa Estratexia do Autónomo 2020, con accións para facilitar o seu día a día, a contratación e a equiparación de dereitos cos traballadores por conta allea; programas específicos como Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende; ou a Lei de implantación empresarial.

Sobre esta última normativa, que entrou en vigor hai apenas un ano, o conselleiro agradeceu a implicación amosada polos 19 Concellos Emprendedores que xa existen na provincia de Lugo, entre os que se atopan Monforte de Lemos e O Saviñao. Coa súa adhesión a esta iniciativa, as administracións locais demostran que comparten coa Xunta o compromiso de estreitar a colaboración institucional para captar novos investimentos para Galicia a través da baixada de impostos, de ofrecer facilidades de acceso a solo empresarial e da redución á metade de tempo dos prazos de tramitación de proxectos.


- Te recomendamos -