Inicio Galicia Conde sitúa ao polígono coruñés da Grela como un exemplo pola súa...

Conde sitúa ao polígono coruñés da Grela como un exemplo pola súa xestión e competitividade

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na xornada dedicada á marca Polígono Empresarial de Calidade que CEPE outorga ao parque industrial

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na clausura da xornada dedicada á marca Polígono Empresarial de Calidade que a Coordinadora Española de Polígonos Empresariais (CEPE) outorgou á Grela que o parque industrial coruñés destaca pola súa situación, as súas infraestruturas e a súa xestión. Apuntou o conselleiro que iniciativas como esta marca acreditan as vantaxes que ten para unha empresa instalarse en solo industrial galego e son un selo de garantía e de competitividade.

Sinalou Conde que a participación institucional no acto celebrado hoxe é a proba de que administracións e tecido empresarial entenden que é prioritario poñer en valor o sector industrial, e polo tanto a capacidade, infraestruturas e servizos dos polígonos industriais galegos; ao tempo que vén ser o mellor xeito de resaltar a competitividade da industria galega, e tamén o mellor reclamo para atraer máis actividade económica, e con iso máis músculo empresarial e máis postos de traballo.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria apuntou que, ademais de ofrecer as infraestruturas e servizos adaptadas ás necesidades do tecido empresarial, Galicia poida ofrecer tamén as mellores condicións administrativas e fiscais para facilitar os investimentos empresariais. Nese sentido referiuse á Lei de implantación empresarial, sinalando que achega máis axilidade administrativa na tramitación, reducindo á metade os prazos; máis incentivos fiscais e máis facilidades para adquirir unha parcela nalgún dos polígonos industriais galegos.

Tal e como subliñou Conde, esta lei permite aos concellos desenvolver parcialmente os seus polígonos industriais, de tal xeito que poidan ofrecer solo industrial a medida en función da demanda de cada momento, e así dar resposta ás necesidades concretas que se lle poidan plantexar. Destacou ademais o conselleiro que Galicia xa conta con 64 Concellos Emprendedores (12 na provincia da Coruña), que xa están a aplicar as vantaxes que contempla esta normativa, con bonificacións de ata o 95% nos impostos locais, ou solo industrial a prezo sostible, que desde 2015 a Xunta xa ofrece a metade de prezo ou en dereito a superficie.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria fixo fincapé en que non pode haber mellor fórmula para impulsar o investimento empresarial que aquela que combine ser Concello Emprendedor e contar cun parque empresarial recoñecido coa acreditacion que outorga CEPE.

Por iso, sinalou que agarda que A Coruña e o resto de concellos da área metropolitana se sumen ao convenio que asinaron Xunta e Fegamp, e que a bandeira de CEPE poida ondear en moitos outros polígonos industriais de Galicia, principalmente, apuntou, porque será un sinal de que a competitividade do sector industrial galego está acreditada e garantida.

O parque empresarial da Grela é o máis antigo de Galicia e o primeiro en recibir a marca Polígono Empresarial de Calidade. Conta con máis de 550 empresas asentadas e unha superficie total de 1,4 km2.


- Te recomendamos -