O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá, na Cañiza, ás alumnas do curso Atención sanitaria a persoas dependentes en institución sociais
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou esta mañá na Cañiza, durante a vista ao curso Atención sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais enmarcado na iniciativa pioneira Formación á porta, que este programa está contribuíndo a crear emprego e fixar poboación no rural.
Neste curso participan un total de 10 alumnas que recibirán 468 horas de formación nun área que responde ás necesidades do tecido empresarial da súa zona, co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e acadar a súa inserción laboral. Precisamente, segundo destacou Conde, este é o obxectivo de Formación á porta, ofrecer cursos adaptados ás demandas das empresas achegándoas ás zonas do rural onde non existen centros de formación homologados. O programa estase desenvolvendo nun total de 27 concellos a través de 32 cursos nos que participan 480 menores de 30 anos.
Formación á porta enmárcase no Plan de formación e emprendemento no rural que conta cun total de 10 medidas para chegar a 13.000 persoas e no que se invisten 30 millóns de euros en iniciativas como esta ou como Aprol Rural -que este ano se centra en labores forestais e que permitirá que 253 concellos poidan contratar a 539 desempregados- ou Galicia Rural Emprende, que na súa primeira edición permitiu mobilizar 5 millóns de euros en 44 proxectos.
O conselleiro explicou a aposta que o Goberno galego está a realizar pola formación xa que é a chave que abre as portas á mellora da empregabilidade de todos os galegos e galegas. Así o orzamento deste ano, destinado tanto a formación como a orientación, chega ata os 135 millóns de euros, con programas nos que o colectivo de menores ten un importante peso como e o caso do Plan de formación dirixido a menores de 30 anos que prevé beneficiar a 1440 mozos a través de 96 cursos; Emprega Xuventude, para chegar a 300 mozos a través dun bono de ata 7.000 euros de formación e contratación; os 22 obradoiros específicos de Garantía Xuvenil do que se beneficiarán 352 menores de 30 anos ou os novos obradoiros duais que combinan un contrato de formación e aprendizaxe de nove meses cun contrato de prácticas de tres ao que tamén poden acceder os mozos.
O conselleiro finalizou explicando a importancia da colaboración institucional, especialmente entre a Administración autonómica e local, para coñecer as demandas e necesidades do tecido empresarial de cada zona e deseñar un plan de formación adaptado. Neste sentido, tamén se referiu aos Concellos Emprendedores e lembrou que estes terán prioridade á hora de acceder a varias das liñas de axuda da Xunta, como é o caso destes cursos de Formación á porta. A cambio, estes Concellos comprométense a adoptar medidas para favorecer a captación de investimentos, como a redución da fiscalidade empresarial.
- Te recomendamos -