Inicio Galicia Conde sinala que Emprega Automoción favorecerá a creación de traballo cualificado para...

Conde sinala que Emprega Automoción favorecerá a creación de traballo cualificado para dar resposta aos retos da industria 4.0

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Vigo un encontro co Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) para abordar de xeito coordinado o contido do programa Emprega Automoción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apostou hoxe en Vigo pola suma de esforzos e a colaboración plena entre a Administración e a industria da automoción para dar unha resposta coordinada, a través da formación, ao emprego cualificado que está requirindo a Industria 4.0. Conde mantivo unha xuntanza co Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) para abordar estes novos retos e o novo programa Emprega Automoción co que a Xunta busca precisamente atender os novos perfís profesionais que están xurdindo da nova era tecnolóxica.

Conde destacou a importancia de acompañar ao sector no proceso de transformación dixital apoiándoo, como ata o de agora, nos retos fixados polo propio Cluster en materia de innovación, desenvolvemento de I+D e modernización do tecido industrial, ao que se suma agora o apoio en materia de formación.

O titular de Economía, deste xeito, na xuntanza puido coñecer de primeira man as necesidades concretas do sector en materia de formativa agradecendo a Ceaga a súa colaboración ao ter elaborado un informe que permitirá identificar as carencias que existen no sector nesta materia e orientar as liñas de axuda da Xunta para darlle resposta.

Conde, así mesmo, salientou como clave a implicación da propias empresas para coñecer con máis precisión a realidade do mercado laboral e os perfís profesionais máis demandados polo avance da Industria 4.0. “O noso obxectivo é poder unir as necesidades das empresas cos recursos que ten a Administración para dar unha resposta concreta e efectiva desde o punto de vista da formación”, subliñou.

Emprega Automoción é, neste senso, un punto de partida que vai achegar un investimento de 20 millóns de euros ata 2020 para formar a 9000 traballadores do sector. Esta folla de ruta inclúe tres actuacións: O Bono Emprega Automoción, as Unidades Formativas na Empresa e os cursos de formación para desempregados.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a través do Bono con ata 2000 euros por persoa a formación con cursos á media de 1500 profesionais ata 2020. O orzamento é polo tanto de 3 millóns de euros ao ano. Este Bono, en palabras de Conde, permitirá que as empresas teñan unha axuda para cualificar aos novos traballadores que contraten.

A través das Unidades Formativas destinaranse 1,5 millóns ao ano. Estes cursos terán unha forte presenza no sector porque en preto de 3 anos se impartirán 200 accións formativas, financiadas ao 100% pola Xunta, para preto de 1000 traballadores ocupados ou desempregados. As empresas deciden e imparten as especialidades nas que se precise cualificación e no caso das unidades para desempregados comprométense a contratar como mínimo ao 40% dos alumnos e alumnas.

Por último, a través dos cursos de formación para desempregados, impartiranse 100 cursos ata 2020 para formar a 500 persoas cun investimento de 2 millóns ao ano. Estas accións están homologadas con certificados de profesionalidade con validez en toda España.

Conde explicou que ao Emprega Automoción súmanse as axudas do Igape para a formación de directivos e cadros intermedios en materias relacionadas coa dixitalización e a Industria 4.0, unha medida da que Ceaga é beneficiario.

Business Factory Auto e Hubs de innovaciónPara dar tamén resposta aos novos retos da Industria 4.0, o conselleiro puxo en valor a aceleradora Business Factory Auto- desenvólvena a Xunta en colaboración con Zona Franca, Ceaga e Ctag- que se está consolidando como a gran provedora de tecnoloxía dixital para as empresas galegas da automoción e toda a súa industria auxiliar.

Así mesmo, referiuse aos Hubs de innovación dixital que está impulsando a Xunta, xa que contan cun compoñente moi importante de especialización que abrirá ao tecido empresarial novas e moitas oportunidades no eido da Industria 4.0 e en sectores estratéxicos para Galicia como a automoción, o naval e o téxtil.

Do que se trata, en palabras do conselleiro, é de “seguir traballando para apoiar un sector moi maduro desde o punto de vista da introdución de innovación e dixitalización que precisa de apoios para continuar competindo e para que Vigo sexa tractor de novos modelos e novos contratos e que a diversificación da industria de compoñentes permita seguir abrindo mercados a nivel internacional”, concluíu.


- Te recomendamos -