Inicio Galicia Conde salienta que Galicia será referente en ciberseguridade ao contar co primeiro...

Conde salienta que Galicia será referente en ciberseguridade ao contar co primeiro centro específico de España

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe á presentación do proxecto Tegra, que forma para do programa de Unidades Mixtas de Investigación da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no que participan Telefónica e Gradiant co apoio da Xunta

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Santiago de Compostela, á presentación do proxecto do primeiro centro de ciberseguridade de España, Tegra, enmarcado na Unidade Mixta de Investigación (UMI) que promoven Telefónica e Gradiant, coa colaboración da Xunta. No acto salientou que grazas a este centro específico, Galicia será referente en ciberseguridade.

Conde, que agradeceu esta aposta polo talento galego, sinalou que as últimas innovacións neste campo terán denominación de orixe galega a través do labor que Tegra realizará no desenvolvemento de produtos e servizos para mellorar este servizo nas empresas e incidiu en que a ciberseguridade é un elemento habilitador da Industria 4.0, xa que a fai posible e segura.

Neste sentido, lembrou que a industria está cada vez máis informatizada e conectada polo que a protección de datos é fundamental: “As empresas non só teñen que ter a visión de investir en Industria 4.0, senón tamén en ciberseguridade, porque se non poden gañar en competitvidade e produtividade e perdelo todo por falta de seguridade”, explicou e insistiu en que se converte nun elemento indispensable.

Esta UMI contará coa participación de 32 profesionais galegos e con dúas oficinas en Vigo e na Coruña. Cun investimento de 2,2 millóns de euros traballará, ata 2020, en tres liñas de investigación: análise de datos para a protección da información, sistemas de control avanzado para o acceso e protección e compartición segura de ficheiros.

Conde salientou esta aposta por Galicia e polo modelo de innovación aberta que a Comunidade está a impulsar co Plan Galicia Innova 2020 e co programa de Unidades Mixtas de Investigación, unha iniciativa que xa leva permitido apoiar 30 proxectos que están a mobilizar 94 millóns de euros e nos que participan 30 empresas, 13 centros tecnolóxicos e 450 profesionais.

Neste sentido, o sector TIC galego está atravesando un momento clave, dando emprego a 22.000 persoas, a maior cifra dos últimos 5 anos, con máis de 3.400 empresas.


- Te recomendamos -