O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse esta mañá, en Vigo, con 15 das empresas beneficiarias deste programa na área de Vigo e Pontevedra
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Vigo a flexibilidade e a capacidade das Unidades Formativas para adaptarse aos perfís profesionais que as empresas demandan ofrecendo formación á carta, durante un encontro que mantivo con 15 das beneficiarias da área de Vigo e Pontevedra: “Neste programa a empresa deseña a formación polo que é un instrumento que permite dar resposta concreta ás súas necesidades”, insistiu o conselleiro.
Así, esta iniciativa pretende apoiar ao tecido empresarial nun momento no que a Industria 4.0 e os novos sectores emerxentes fan preciso contar con persoal cualificado e cunha formación adaptada ao emprego que vén. A administración autonómica financia o 100% da formación e as empresas deciden que formación queren dar e tamén a imparten.
Conde informou da resolución da primeira convocatoria deste programa do que se beneficiarán 83 empresas que formarán a 3.200 persoas, entre traballadores e desempregados en sectores como o naval (33%), a automoción (26%) ou as TIC (14%) cun investimento de 5,4M€. Neste sentido, sinalou que Vigo e a súa área será unha das comarcas de referencia con 2 de cada 3 unidades da provincia –un total de 151- que ofrecerán máis de 18.200 horas para capacitar a 1.486 persoas a través de 1,9M€.
Tamén avanzou que o mércores sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a segunda convocatoria desta iniciativa para cualificar 2.400 traballadores e parados en 245 unidades cun investimento de 4M€ polo que “as empresas interesadas contan cunha nova oportunidade para formar ou contratar persoal”, explicou. En global, en 2018 destinarase un total de 9,5M€ para que as empresas poidan ofrecer formación á carta a máis de 5.000 persoas a través de preto de 600 Unidades Formativas.
- Te recomendamos -