Inicio Galicia Conde salienta a colaboración público-privada e a coordinación entre diferentes administracións como...

Conde salienta a colaboración público-privada e a coordinación entre diferentes administracións como clave para a I+D+i galega

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apunta nunha xornada organizada co CDTI na Cidade da Cultura que a cooperación no ámbito autonómico, estatal e europeo permite achegar unha xanela única a emprendedores e investigadores

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe nunha xornada sobre financiamento da I+D+i empresarial organizada na Cidade da Cultura pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) xunto co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) a colaboración público-privada e a cooperación entre as diferentes administracións como claves para impulsar a I+D+i galega.

Neste sentido, apuntou que tanto a Xunta como o CDTI procuraron establecer un marco único de axudas para que os fondos estatais e autonómicos neste ámbito se convertan nun mapa ordenado e coordinado, e, polo tanto, máis accesible e eficiente. Do mesmo xeito, apuntou que a cooperación co CDTI se centra en que a I+D+i estea no día a día das empresas, para o cal é necesario apoiar a innovación aberta, e promover proxectos conxuntos entre o tecido empresarial e os centros de coñecemento.

Así, o conselleiro, que subliñou que para as empresas innovar significa competir e achegar os novos produtos e servizos que demanda o mercado, destacou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria e o CDTI traballan apostando pola fórmula da colaboración público-privada. Baixo esa fórmula a Xunta puxo en marcha diversas iniciativas de apoio ás pemes para que a investigación do laboratorio se traslade á industria.

Neste ámbito, fixo referencia ao programa de Unidades Mixtas, que permite desenvolver proxectos pioneiros de I+D+i nos sectores estratéxicos galegos a través de alianzas entre empresas e centros tecnolóxicos; á iniciativa Fábrica Intelixente, para que as pemes poidan dar o salto á dixitalización. Tamén resaltou o Ignicia, que permite que o traballo dos investigadores galegos se transforme en novas empresas e patentes; así como o programa Talento Sénior, para consolidar as súas carreiras profesionais.

Fixo tamén Conde mención a outras iniciativas como o Conecta Peme, ou á nova convocatoria para axudar a que os centros tecnolóxicos modernicen as súas infraestruturas, que vai cubrir o 50% do custo de novos equipamentos de 5 centros tecnolóxicos, mobilizando 9,8 millóns de euros. Todo este esforzo, apuntou o conselleiro, tradúcese en preto de 1000 millóns de euros mobilizados desde a posta en marcha da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) en 2014.

Pola súa banda, Francisco Marín, director xeral do CDTI, salientou que nos últimos anos este organismo aprobou 405 proxectos desenvoltos en Galicia, cunha achega pública de 281 millóns de euros. Tamén destacou como sectores máis relevantes as TICs con máis de 61 millóns de euros de achega, seguido polo agroalimentario (51 millóns de euros), materiais (40 millóns de euros) e os sectores tradicionais (23 millóns de euros). Engadiu que este ano o CDTI ten previsto comprometer en torno a 900 millóns de euros para financiar proxectos de I+D+i empresarial de toda España.

Segundo salientou Conde, nos últimos anos a prioridade ten sido intensificar a relación Xunta-CDTI para maximizar as opcións das empresas e dos centros de coñecemento galegos á hora de acceder ás axudas para a innovación. O obxectivo, incidiu, é unha xestión coordinada dos respectivos fondos, tanto desde o ámbito autonómico, como estatal ou europeo, para ofrecer unha xanela única ao empresario, emprendedor ou investigador que estea buscando financiamento para os seus proxectos.

Isto ten permitido, segundo a enquisa sobre innovación tecnolóxica das empresas publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que o investimento que fixeron as empresas galegas neste ámbito é o maior dos últimos catro anos, un 9,3%; e está oito puntos por riba da media estatal (1,3%). Ademais, tamén se incrementou un 19,2% o número de profesionais que traballan no sector.

Ademais, lembrou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, nos catro anos de vixencia do programa europeo H2020, Galicia conseguiu captar máis do dobre de fondos que co anterior programa marco, chegando aos 67,1 millóns de euros. Ao mesmo tempo, incrementouse nun 80% o número de proxectos liderados por empresas e centros de coñecemento galegos respecto ao período anterior. Para seguir avanzando na I+D+i, a Comunidade conta cunha nova folla de ruta, o Plan Galicia Innova 2020.


- Te recomendamos -