Inicio Galicia Conde reivindica en Rianxo a convivencia de artesanía e industria na carpintería...

Conde reivindica en Rianxo a convivencia de artesanía e industria na carpintería de ribeira

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións de Astilleros Catoira

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reivindicou esta mañá en Rianxo a convivencia de artesanía e industria na carpintería de ribeira, durante a visita que realizou as instalacións de Astilleros Catoira, un referente no sector con case un século de traxectoria.

Conde sinalou que esta empresa é a proba palpable de que as técnicas de artesanía máis antigas poden evolucionar conforme o fai a industria sen perder a súa esencia. Así, destacou a vocación de Astilleros Catoira por adaptarse aos novos tempos consolidando, deste xeito, a súa actividade.

Neste sentido, explicou que en Galicia a carpintería de ribeira ten aínda pleno sentido produtivo debido á súa condición de potencia portuaria e pesqueira e incidiu no labor de construción e reparación de embarcacións mexilloeiras que realiza Astilleros Catoira.

O conselleiro tamén puxo en valor o traballo da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) por manter esta tradición artesanal e por contribuír ao sostemento dunha importante industria. Tal e como explicou, Galicia conta con 20 estaleiros adicados a este oficio que facturan 10 millóns de euros e dan emprego a preto de 600 persoas.

Tras subliñar o valor patrimonial deste oficio artesanal, Conde, asegurou que é necesario que a construción naval en madeira se converta nunha industria máis competitiva e finalizou salientando que na carpintería de ribeira converxen dous obxectivos que a Xunta promove: a revitalización da artesanía galega e o impulso á industria da madeira a través da Axencia Galega da Industria Forestal.


- Te recomendamos -